A Eurorrexión consensúa en Ferrol a estratexia común de transporte dos próximos anos

Nesta liña, Vicente Irisarri lembrou que é a terceira vez que Ferrol acolle unha reunión do Eixo Atlántico, un feito que a cidade agradece, e máis ao abordarse a temática do transporte, xa que hoxe en día ninguén concibe o desenvolvemento sen unha adecuada estratexia neste senso. Ao respecto, o alcalde de Ferrol repasou as infraestructuras de comunicacións que aínda quedan por conquerir ou rematar. E, ao fío, destacou o tren de alta velocidade entre Ferrol e Lisboa e o acceso ferroviario ao porto exterior. Este último, fundamental para elevar a dársena ao nivel que lle corresponde. Indicou que namentras hoxe Ferrol e a súa comarca están a reivindicar estas infraestructuras físicas, outras rexións do resto de Europa falan de mobilidade, conectividade e sostenibilidade. Conceptos todos eles presentes na cidade naval e que cobrarán a posición que lles corresponde coa implantación das medidas contempladas no programa que está a elaborar a Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona. Estudo que o alcalde confía en que esté rematado o próximo mes.
Ao respecto, Vázquez Mao destacou a calidade da Axencia, que dará soporte ao propio Eixo na súa intención de abrir un organismo deste tipo antes de acabar o ano, e asegurou que a estratexia que asumirá Ferrol porá á cidade como referente en toda España. Abundou na liña argumental expresada polo alcalde e asegurou que o gran desafío futuro é mellorar a competitividade. Especialmente, das zonas periféricas. E, neste campo, asegurou que as comunicacións xogan un papel clave.
Así, o secretario xeral do Eixo destacou a importancia da planificación en base aos conceptos de mobilidade, conectividade e sostenibilidade e explicou que as infraestructuras deben deseñarse por diante da demanda, cunha previsión da poboación encardinada no seu ámbito de influencia, e sobre un ámbito de desenvolvemento sostible. Nesa liña vai o plan que hoxe se sometía a debate. Un documento de referencia para os próximos anos elaborado por auténticas autoridades na materia como Fernando González Laxe ou Martín Fernández Prado. Un documento que, como indicou Vicente Irisarri, pretende articular políticas nas que gañe presenza o público fronte ao privado. E, máis concretamente, os servizos públicos de transporte, pero tamén nas que se priorice a conectividade entre espazos e diferentes modos de transporte.
Ao respecto, Román Rodríguez asegurou que se trata de pensar en conxunto e, máis graficamente, indicou que o plan se alonxa do plan de estradas para achegarse a unha verdadeira estratexia no eido das infraestructuras. Buscar a través delas a integración.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol