Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mundo Mestura exhibe as distintas realidades culturais que conviven en Ferrol

A concelleira de Solidariedade e Benestar Social, Beatriz Sestayo, invitou a toda a cidadanía a participar no Encontro da Diversidade Mundo Mestura. Unha proposta que o seu departamento pon en marcha por segundo ano consecutivo co fin de tender pontes de unión entre as distintas culturas. De favorecer a interculturalidade a través do coñecemento. Dirixidas tanto a nenos como a adultos, a edil apuntou que as actividades terán lugar durante toda a fin de semana no Cantón de Molíns. Unhas datas significativas, xa que se encadran entre dous días especiais no calendario (o Día Mundial da Diversidade Cultural (21 de maio) e o Día de África (25 de maio)). En Ferrol, o 23 e 24 de maio haberá obradoiros de artesanía típica dos diferentes países do mundo, teatro na rúa, bailes e mesmo unha feira de comercio xusto. Na súa organización colaboraron as diferentes asociacións de inmigrantes radicadas en Ferrol, como son a Asociación Cultural E.P. Uruguai Galicia, a Asociación de Ecuatorianos e Latinoamericanos, a Asociación de Colombianos e Asmirefe, tal e como indicaba a propia edil. Non só eles, tamén outros inmigrantes que, aínda que non están asociados, si desexan participar activamente en citas como esta. ¿Procedencia? Nixeria, Chile, Francia e Cuba.

Xa máis polo miúdo, Beatriz Sestayo explicou que o sábado 23 de maio, ás 12 horas, o Concello inaugurará os encontros e procederase á apertura da feira de comercio xusto na que participarán a cooperativa de consumo responsable A Xoaniña, artesáns da bisbarra e as ONGs Solidariedade Internacional e Ayuda en Acción. A primeira achegará productos con criterios de calidade, sustentabilidade e cercanía entre o lugar de producción e o de consumo. E é que esta empresa de economía social promove a agricultura ecolóxica e as canles comerciais xustas que a fan viable, tratando de evitar intermediarios de xeito que os productores reciben un pago xusto polo seu traballo. Todos eles, xunto co Concello contarán con stands no Cantón.

Pola súa banda, Solidaridade Internacional e Ayuda en Acción, entidades xa habituais neste tipo de citas que está a organizar o Concello de Ferrol, participarán tamén nestes encontros da diversidade para ofrecer productos de comercio xusto de distintos lugares do mundo como Tanzania, Etiopía, Colombia, Cuba… Beatriz Sestayo recordou que a través da laboura de entidades como as citadas se pagan prezos xustos aos traballadores e traballadoras do Sur cos que poden levar unha vida digna; se protexen os dereitos fundamentais das persoas, coa condea á explotación infantil e o respeto pola equidade de xénero, e se obteñen productos de calidade, a través de procesos respetuosos co medio ambiente e o ser humano.

O escenario, a rúa

A responsable da área de Solidariedade avanzou que nas xornadas do sábado e o domingo se sucederán no Cantón unha serie de actividades complementarias e solidarias. Así, o sábado, entre as 12 e as 14 horas se poderán seguir os espectáculos Canción Rock Búlgara, por parte do alumnado do IES Saturnino Montojo; sesión de títeres a cargo de Arte Fusión e de novo música interpretada por Canta Compaña. Tras o parón de a mediodía, Mundo Mestura regresa ás cinco da tarde coa actuación teatral de Pista Catro. E, xa ás 18.30 horas, se celebrará o espectáculo Danzas do Mundo. Actuarán, por esta orde, Ecodesarrollo GAIA, con música afro; Alejando e Umbe, con tango arxentino, e Danesga, con danza moderna. Pechará a cita solidaria do sábado Charros de Jalisco cun concerto de mariachis que principiará ás 21.30 horas.

Asimesmo, a edil apuntou que Mundo Mestura regresa o domingo, ás 12 horas. Unha apertura que se acompañará da actuación musical e de danza propia do folclore boliviano. Os sons doutras terras non deixarán xa o Cantón durante a mañá, xa que tamén se poderá seguir o espectáculo de Magnifique Bande. En sesión de tarde, actuación teatral e manualidades con Pista Catro, obradoiros de iniciación á música con Trópico de Grelos e espectáculo musical posterior a cargo desta formación. Unha ampla oferta de actividades nas que sempre está presente a Feira de Comercio Xusto. Por último, Beatriz Sestayo animou a toda a cidadanía a achegarse ao Cantón de Molíns e sumerxirse noutras culturas, compartindo espazos e diálogo.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol