Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería do Mar redactará unha nova orde provisional para regular a pesca deportiva

A Consellería do Mar está a traballar na redacción dunha nova orde provisional para regular a pesca deportiva mentres non entre en vigor a nova Lei de Pesca. Así o asegurou o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, que recalcou na comisión oitava de Pesca e Marisqueo que o texto se remitirá ó Consello Galego de Pesca, para buscar o consentimento do sector.

A nova orde pretende conseguir que esta actividade de ocio e turismo marítimo-pesqueiro conviva en harmonía coa pesca profesional e non interfira nela ou a prexudique. O seu obxectivo é compatibilizar ambas actividades para coordinar a explotación e conservación dos recursos mariños e lograr un equilibrio ecolóxico á vez que social e económico.

A Consellería considera necesario regular minimamente a actividade transitoriamente, xa que “con máis e mellor control” evitarse o furtivismo no que “dexenera a inconsciencia dalgúns poucos”, e que afecta por igual a profesionais e a deportivos.

A iniciativa, segundo explicou o director xeral, servirá para cubrir o baleiro legal existente, regulará os cebos e as capturas e simplificará a burocracia existente nesta actividade, da que participan 55.000 galegos e galegas.

A Consellería do Mar está a traballar xa na Lei de pesca de Galicia. Nun breve tempo as modificacións se levarán ó Parlamento, co consenso previo co sector, xa que será a súa norma básica de traballo. Unha vez que se aprobe, o departamento que dirixe Rosa Quintana desenvolverá un novo decreto e unha nova orde para regular a pesca deportiva. Pablo Fernández entende que aínda que urxe regular esta actividade “non podemos definir liñas particulares sen definir as xerais”.
Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia