Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un informe da USC encargado por Adega a comezos de ano constata unha diminución do recrutamento dalgunhas especies marisqueiras despois do accidente do Prestige

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera que non se pode desbotar de forma tan tallante, como vén de facer Enrique López Veiga, conselleiro de pesca, a posibilidade dunha relación causa efecto entre o grande episodio de contaminación provocado polo fuel do Prestige e a escaseza de especies marisqueiras, especialmente nunha zona como a de Carnota, unha das máis afectadas pola catástrofe e que aínda conta coa presenza dunha importante cantidade de chapapote que supón un serio foco de contaminación.
O informe Efectos da marea negra provocada polo verquido do petroleiro Prestige sobre a fauna intermareal e sublitoral asociada a sustratos rochosos, encargado por ADEGA a un equipo de investigadores da Universidade de Santiago, pon de manifesto a diminución no recrutamento para algunhas especies marisqueiras. Este estudo estabelece unha relación probábel coa catástrofe do Prestige pendente aínda de confirmación científica. Neste sentido, o informe sinala que o futuro do mexillón pode estar xa ameazado polo efecto do vertido sobre o mexillón de rocha de pequeno tamaño, que constitúe a semente da que se abastecen os produtores de mexillón. O prexuízo para o sector mexilloneiro sería un duro golpe para Galicia, xa que actualmente produce de maneira directa uns 110 millóns de euros anuais e xera entre 8.500 e 10.000 empregos. Do mesmo modo, especies sésiles ou semisésiles de indubidábel valor comercial, como son o percebe e o ourizo de mar, poden ter visto mermadas considerabelmente as súas poboacións ou mesmo resultaren prexudicadas no recrutamento de xuvenís.
Neste estudo menciónase a necesidade de realizar un seguemento a longo prazo para coñecer a evolución dos bancos destas especies e profundizar nas causas da súa diminución, que poden gardar relación coa marea negra do Prestige, dada a evidencia e a magnitude das circunstancias.
Cómpre salientar igualmente que un estudo publicado na revista Science, probabelmente un dos máis rigorosos cientificamente publicados sobre os efectos das mareas negras, recolle conclusións evidentes na relación causa efecto da contaminación producida pola marea negra do Exxon Váldez a longo prazo sobre os ecosistemas e as especies expostas a esta, detallando claramente as liñas de estudo para o seguimento dos efectos tóxicos do fuel sobre peixes, comunidades mariñas e costeiras.
ADEGA apoia as reivindicacións da Confraría de Carnota e Lira, pedindo á Consellería de Pesca máis transparencia e información sobre a situación actual dos bancos pesqueiros e marisqueiros, e que se facilite a investigación da evolución dos recursos, en lugar de impedilas, como se está facendo.
Adega