Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A solidariedade vilalbesa dotará de auga potable a Kapiri, en Malawi

A fraternidade e a solidariedade si son unha característica de Vilalba. A vila chairega amosou a súa capacidade de axudar aos mais desfavorecidos a través do Maratón Solidario organizado pola Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan, co que se recadaban fondos para dotar de auga potable ao Hospital de Kapiri, en Malawi. A cantidade final doada por particulares e empresas de Vilalba ascendeu, finalmente, a 10.252,22 euros.

Desde a entidade xestionada polo deportista vilalbés Antonio Montes confíase en que esta axuda permita “poder levar a cabo o proxecto de ter auga potable para esta institución africana”. Montes tampouco deixou pasar a oportunidade de poder amosar o seu “agradecemento a institucións e colaboradores por facer posible esta doazón”.

Os cartos serán ingresados na conta corrente da ONG “Llamarada de Fuego” para poder levar a cabo esta acción, coordinada pola misioneira vilalbesa María José Carrasco.

“Festa da Familia”

Durante toda a xornada do sábado 20 de xuño terá lugar, nas instalacións da praia fluvial de A Magdalena, a “Festa da Familia”, organizada pola Escola Moo Duk Kwan. Este evento ten un carácter lúdico e deportivo, xa que se celebrarán adestramentos de Tae Kwon-Do de distintos niveis, competicións varias e a entrega dos premios das clasificacións da Liga Moo Duk Kwan. A estas actividades uniránselles xogos e sorteos, sen esquecer un bo xantar.
Pablo Durán (Terra Chá.Xa)