Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha semana de mobilizacións contra a crise do leite

Os tractores chairegos voltarán a saír ás rúas para reclamar unha solución para o sector lácteo. A previsible baixada dos prezos do leite en orixe, que pode situarse sobre os 22 céntimos por litro, xunto co “inmobilismo” das administracións, fixo que as principais organizacións agrogandeiras galegas, Unións Agrarias (UU.AA.), Xóvenes Agricultores (XX.AA.), Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), proxectaran accións de protesta nas cidades de Lugo e Santiago durante os cinco días que van desde o 13 de xullo ata o 17 do mesmo mes.

O incremento do endebedamento das explotacións leiteiras, debido á diferenza entre o prezo pagado pola industria para o leite en orixe (uns 23-24 céntimos de media) e os custes de produción (cifrado por Medio Rural en torno a 35 céntimos), xunto coa inversión na modernización das infraestruturas e as trabas das entidades financieiras para prestar diñeiro ou incluso para o adianto da PAC, están a poñer en perigo a supervivencia do sector. Segundo afirmou o Secretario Técnico de Xóvenes Agricultores, Juan Orozco, a situación empeorou con relación a uns meses atrás, chegando a por en perigo “ao 40% das explotacións”, que “non poderían aguantar mais aló de dous meses”.

Desde os sindicatos agrarios considéranse insuficientes as medidas propostas pola Xunta de Galicia (adianto da PAC, créditos do IGAPE ao 0%) e reclaman “axudas directas, tal e como teñen outros sectores e como se está a facer en comunidades como Asturias ou Castela León, onde xa se concederon cinco millóns de euros”, estableceu Xulio Guntín, de UU.AA. “Unhas axudas directas de 3 céntimos por litro suporían uns 4.800 euros de media por explotación, menos do que resulta unha pensión non contributiva ou un traballador no paro un ano”, dixo Guntín.

Lupe Prado, responsable do SLG na Terra Chá tamén reclamou que se inxecten cartos ás explotacións para poder “ter liquidez e afrontar os custes que supoñen manter a nosa actividade, xa que un bo número de explotacións están a sufrir embargos por parte dos bancos ao non poder facer fronte aos investimentos en modernizar as súas estruturas, tal e como se nos pediu desde os poderes públicos”.

A campaña do ensilado e das sementeiras de millo tamén contribuirán a aumentar o endebedamento, xa que, como indicou Prado, moitas das granxas dependen de empresas externas para facer este traballo. Esta situación crearía un agravamento da situación económica do campo galego. “Demandamos ás administracións unha maior implicación para poder afrontar os créditos e diminuir o risco de embargos. Non cremos que o adiantamento da PAC sexa a solución, xa que nos permitirá afrontar os gastos actuais pero non os futuros, polo que sería precisa unha axuda directa”, estableceu Lupe Prado.

As tres institucións labregas tamén solicitan que se leve a cabo unha reunión entre industria, distribución, administración e produtores, “para chegar a unha solución definitiva, que remate co problema dunha vez por todas”.

Para que se escoiten estas demandas, UU.AA., XX.AA., SLG e AGACA, realizarán unha mobilización que comezará o vindeiro luns 13 de xullo e rematará o venres 17 nas cidades de Lugo e Santiago. Aínda queda por definir coas autoridades locais e autonómicas a posibilidade de levar a cabo tractoradas todos eses días.

O que si xa están pechados son os lugares e horarios de saída das caravanas de tractores para a concentración en Lugo do vindeiro luns. Así, os que saian de Abadín, poderán facelo desde a Praza do Concello ás 10.30; ou desde Arneiro, no cruce da pista cara o centro, ás 11.30. En A Pastoriza desde Marco de Alvare e Bretoña ás 10.30; da gasolineira ás 11.00 e do cruce de Paraxes ás 11.30. En Castro de Rei ás 11.30 da Praza do Concello, ás 12.00 do cruce de Reguntille e do mercado gandeiro de Ribeiras de Lea, e ás 12.30 do cruce de Ludrio. En Cospeito ás 11.00 do cruce do Santo e de Muimenta, e da Feira do Monte ás 11.30. En Outeiro de Rei desde o Restaurante Soborvila ás 12.30. En Guitiriz e Begonte desde a explanada de Xertigán ás 10.45, do Merendero, ás 11.00, desde o Mesón da Cabra ás 11.15, da rotonda de Baamonde ás 11.30 e do centro de Begonte ás 12. Por último, na capital chairega, en Vilalba será ás 11.00 na Estación de Autobuses.

Pablo Durán (Terra Chá.Xa)