Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de 50.000 persoas visitaron Muros durante o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais

Máis de 5.000 persoas visitaron a vila de Muros nestes días, os hoteis e colgaron o cartel de “completo” e cumpríronse todos os obxectivos da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial –FGCMF-, organizadora do evento. O seu presidente, Víctor Fernández, destacou “a implicación e participación dos veciños de Muros e das vilas cercanas”, con exemplos como o pobo de Abilleira, onde construíron unha buceta, embarcación tradicional propia da zona, especialmente para a ocasión. “O obxectivo de
concienciar á xente da comarca sobre o patrimonio cultural marítimo de Galicia – engadiu Fernández-, conseguiuse con creces”.

Finalizados os actos, os galeones, dornas, bucetas e demáis navíos poñen rumbo cara os seus portos de orixe coa resaca de catro intensos días de navegacións, regatas, xornadas, obradoiros, teatro, música e cine, entre moitas outras actividades.

A nota emotiva protagonizouna, durante a cerimonia de clausura, a familia
do galeón El Temido, que afundiuse o pasado xoves á altura de Ribeira cando ía en rota dende Cangas do Morrazo para participar no Encontro. A FGCMF invitouna a subir ao escenario durante a entrega de premios e agasallos, levándose como recordo a ovación dos milleiros de persoas presentes.

En total, participaron neste encontro máis de 150 embarcacións e 700 tripulantes procedentes de diferentes puntos de Europa. Por elo, esta IX edición convérteuse na maior concentración de embarcacións tradicionais dos últimos tempos en Galicia, e os habitantes de Muros, como sinalou o presidente de FGCMF, “poden descansar xa coa sensación do traballo ben feito”.

O evento estivo organizado pola FGCMF, as asociacións Mar de Muros e Canle de Lira e o Museo do Mar de Galicia. Contou co patrocinio da Fundación Deporte Galego, o Xacobeo 2010, a dirección xeral de Comercio da consellería de Economía e Industria, a consellería do Mar, a Deputación de A Coruña, o Museo do Mar de Galicia e o concello de Muros.
Atlántica Comunicación