Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA rexeita á instalación dunha macrofactoría de rodaballo en Cabo Touriñán

Cabo Touriñán é un dos puntos máis valiosos da Costa da Morte e de todo o litoral ibérico tanto dende o punto de vista ecolóxico como etnográfico e paisaxístico.
A pesares de estar incluído na Rede Natura 2000, (Lugar de Interese Comunitario Es 1110005 Costa da Morte) que se fará efectiva a finais do presente ano, a pesares de que os lugares propostos teñen unha protección xenérica, e neste caso, concreta ao estar incluído no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais polo Decreto 72/2004 do 2 de abril, a pesares das explícitas indicacións da propia comisaria europea Dna Margot Wallström sobre a protección dos lugares pertencentes á Rede Natura 2000, a Xunta de Galicia e Pescanova pretenden acabar con este paraxe natural a través dunha macropiscifactoría de impacto ambiental desmedido e que de ningún xeito pódese consentir que se instale nun lugar de semellante interese ecolóxico.
Dáse o paradoxo, ademais, de que nestes momentos, o Comisionado para o Prestige está a desenvolver labores de restauración deste lugar que se viu danado pola marea negra do Prestige e posteriores labores de descontaminación, polo que resultaría inútil que unha administración constrúa para que outra posteriormente destrúa.
O impacto ambiental ven derivado da destrucción directa de hábitats terrestres e litorais, co conseguinte impacto paisaxístico, a contaminación e deterioro do medio mariño adxacente, etc. O Estudio de Impacto Ambiental feito, tendencioso e de escasa calidade técnica, trata de minimizar os efectos negativos e inda así é incapaz de enmascarar moitos deles que quedan patentes en dito estudio.
Este tipo de actuación vai en contra do desexado desenvolvemento sustentable da Costa da Morte e dos seus habitantes posto que hipoteca recursos perdurábeis en favor de proxectos dubidosos e insostibles. Neste senso a macropiscifactoría eliminará recursos locais renovables dos que xa están a vivir familias da Costa da Morte, concretamente pesca artesanal e marisqueo, particularmente de percebes así como o incipiente turismo de natureza que se está a desenvolver.
ADEGA ven de solicitar que se denegue o permiso dando cumprimento á legalidade vixente en materia de medio ambiente e apostando pola sustentabilidade do desenvolvemento da Costa da Morte. Igualmente ADEGA xa enviou unha carta directamente á Comisaria Europea Dna Margot Wallström, para que se actúe ao respecto dende a súa Dirección Xeral da Comisión Europea.
Adega