Primeira visita institucional do presidente da Xunta á Coruña onde se levan investido 70 millóns de euros

Na súa comparecencia ante os medios, o presidente galego sinalou que tanto a Terceira Rolda como o Plan Director do Hospital da Coruña constitúen dous proxectos prioritarios para o Executivo que preside. Respecto da primeira infraestrutura, Feijóo lembrou que hai unha semana se adxudicou a terceira fase, por máis 30 millóns de euros. “Plantexeille ao alcalde que ese proxecto é prioritario para a Xunta de Galicia”, afirmou, explicando que tamén o é a fase que “está pendente exclusivamente de decidir o entronque da Terceira Rolda, no treito que está a facer a Xunta e o Ministerio de Fomento”. A este respecto indicou que “en canto o Concello e o Ministerio de Fomento decidan o lugar do entronque, a Xunta acometerá o proxecto necesario para a última fase da Terceira Rolda e finalizar así un novo acceso completo á cidade da Coruña”, un proxecto que definiu “clave” dado á configuración da urbe.
Na mesma liña, o presidente da Xunta lembrou que tamén asumiu o compromiso de reducir os prazos de execución deste treito da terceira rolda adxudicado recentemente. “Son uns prazos legais de 21 meses, pero imos tentar que no ano 2011, se é posible no primeiro semestre, estea finalizada a Terceira Rolda e se poida unir directamente desde Penamoa ata Pocomaco”, subliñou. Feijóo incidiu tamén en que sería “importante” ir diminuíndo todos os prazos de execución desta infraestrutura e avanzou que “a petición dos voceiros e do alcalde, imos asumir ese compromiso”.
Máis de 40 millóns de euros para o Plan Director do Hospital
“De igual xeito que na Coruña iniciamos a primeira obra importante de estradas, coa adxudicación da Terceira Rolda, tamén na Coruña iniciaremos a primeira grande obra de infraestruturas hospitalarias”, salientou o presidente da Xunta. A este respecto avanzou que despois do verán “licitaremos o resto (segunda fase) do Plan Director do Hospital da Coruña por un custe estimado de máis de 40 millóns de euros”. Segundo explicou, trátase dunha obra que neste momento está en supervisión de proxecto pero que espera ter licitada, incidiu, “despois do verán”.
O xefe do Executivo autonómico tamén destacou que se vén de adxudicar o novo centro de saúde en Mesoiro, que, dixo “completa o compromiso de facer ata 3 centros de saúde máis na zona da Coruña para dar servizo á atención primaria e, en definitiva, á necesidade de asistencia sanitaria”.
Tramitación do novo PXOM
Alberto Núñez Feijóo destacou, ademais, que a Xunta acaba de recibir a proposta do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Coruña, unha iniciativa que valorou “positivamente”. Explicou que agora “o que temos é que ver se se axusta á lei, e se se axusta á lei, tramitar o deseño de cidade que o órgano competente, que é o Concello, presenta á Xunta”.

Absoluta lealdade á vontade do concello da Coruña e os limítrofes
Durante o encontro co alcalde, o presidente galego tamén lle trasladou a máxima colaboración da Xunta de Galicia para que o Concello da Coruña e os concellos limítrofes “que previamente cheguen a consensos necesarios” poidan quedar plasmados “nunha lei de área metropolitana”. “Desde hai tempo, desde o ano 2004 que presentamos as Directrices de Ordenación do Territorio, incluíase unha área metropolitana de medio millón de habitantes na zona da Coruña e outra área metropolitana de outro medio millón de habitantes na zona de Vigo”, sinalou Feijóo aseverando que, neste caso concreto, será o alcalde da Coruña e os concellos da comarca “os que teñen que marcar os tempos”. “A Xunta de Galicia vai atender con absoluta lealdade os proxectos que veñan para facer unha área metropolitana, previamente os consensos municipais imprescindibles”, abondou.
Metro lixeiro e porto exterior
Outros dos asuntos abordados na visita institucional á cidade da Coruña foron o metro lixeiro e o porto exterior. Respecto ao primeiro, Alberto Núñez Feijóo avogou por “enfocar a planificación do metro lixeiro”, xa que, ao seu entender, as cidades dun volume de habitantes coma Coruña “necesitan unha infraestrutura de transporte urbano distinta e adicional ao transporte en autobús”. Un metro lixeiro que cualificou como un proxecto “ambicioso pero necesario”. E por iso, afirmou, “imos tentar pechar os percorridos do metro lixeiro e despois sentarnos co concello para buscar unha explotación que concite a posibilidade de investimento privado para explotar un metro lixeiro na Coruña como unha forma de comunicación importante e clave nesta cidade”.
Polo que respecta ao porto exterior, Feijóo remarcou que “a Xunta de Galicia sigue igual de comprometida que o primeiro día; a Xunta de Galicia sigue apoiando esta obra con absoluto compromiso político e con total e absoluto compromiso de seguridade marítima”. “O porto exterior non é da Coruña, o porto exterior é o compromiso de toda a fachada atlántica europea de facer un porto que por razóns de seguridade A Coruña o precisa”, engadiu subliñando que por iso a Xunta estará ao lado do concello para solucionar os problemas e os atrancos financeiros advertidos na execución da obra.

Diálogo fluído e frutífero con carácter de permanencia
O titular da Xunta quixo aproveitar a súa visita á Coruña para felicitar in situ a todos os coruñeses por lograr a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, unha felicitación que fixo extensiva a Galicia enteira. “Espero que ese faro, que leva iluminando séculos esta cidade, siga iluminando nun futuro o progreso e a modernización da cidade da Coruña”, afirmou.
Por último, o presidente galego agradeceu “a receptividade” coa que foi recibido no Concello da Coruña, a penúltima parada da rolda polas sete cidades galegas, un compromiso para os 100 primeiros días de Goberno que completará en Vigo esta semana e que ten como obxectivo sentar as bases dun diálogo “fluído e frutífero e de que este diálogo fluído e frutífero teña carácter de permanencia”, aseverou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia