Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Primeira reunión da comisión técnica Xunta-Fegamp para a reforma da Lei do Solo de Galicia

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presidiu a primeira reunión da Comisión Técnica Xunta- Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para abordar a reforma da Lei do Solo, que o Goberno galego levará a cabo.

Nesta reunión tamén participou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e por parte da Fegamp asistiron o secretario xeral da federación, Eduardo Ramonde; o director xeral da Fegamp, José Manuel Chapela Seijo; e o asesor xurídico, Carlos Hernández López, entre outros.

Durante o encontro, o titular de Medio Ambiente entregou o documento do texto reformado da Lei. Analizouse polo miúdo cada unha das modificacións que a actual Xunta pretende levar a cabo neste texto legal.

Asemade, ambas entidades acordaron establecer un calendario para que ao longo deste mes de xullo e na primeira semana do seguinte mes se estableza unha liña de colaboración, que pivotará en intercambiar información entre a Xunta e a Fegamp. Esta fase de traballo permitirá, posteriormente, poder incluír todas as propostas e conclusións que plantexen e presenten os concellos galegos, para incluír na reforma do texto da Lei do Solo.

O representante do goberno galego manifestou que a reforma da Lei do Solo é un tema prioritario para a Consellería, polo que emprazou a todos os implicados a traballar con dilixencia e a colaborar de xeito efectivo e eficaz neste reto. Nese senso, a próxima reunión celebrarase o mércores 29 de xullo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia