Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Grupo Parlamentario do PPdeG denuncia a marxinación sufrida por Celanova no goberno bipartito

Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia denunciaron a marxinación a que PSOE e BNG someteron a Celanova retrasando mais de tres anos a licitación da autovía de enlace coa A-52. No transcurso dunha reunión mantida con responsables, alcaldes e voceiros municipais do PPdeG dos dez concellos da comarca de Celanova, os populares confirmaron que a Xunta incluirá o enlace no Plan de Infraestruturas que está a elaborar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, retomando así unha obra “moi necesaria para a zona e que foi constantemente retrasada polo goberno bipartito na Xunta de Galicia”.

Na súa comparecencia pública, logo da reunión, o voceiro popular valorou moi positivamente o traballo da mancomunidade de concellos Terra de Celanova no ámbito dos servizos sociais e manifestou o apoio do Grupo Popular aos proxectos que teñen en marcha. Así mesmo indicou que o Grupo Popular apoia a execución do plan de dinamización turístico comarcal das terras de Celanova coma un instrumento necesario para dar a coñecer os elementos característicos da zona, tanto artísticos como naturais, e como potenciador da economía local.

Esta é a terceira reunión que os deputados do Grupo Popular manteñen nas distintas comarcas de Galicia para coñecer as inquedanzas e os problemas nestas zonas e así poder contribuír a darlles solución co empuxe parlamentario necesario . As primeiras tiveron lugar en Xove, na Mariña de Lugo e en Camariñas, na Costa da Morte. O Grupo Popular pretende con estas xuntanzas acercarse aos problemas reais da xente “igual que facíamos cando estábamos na oposición o facemos agora sendo un grupo político que apoio o Goberno”. e seguimos a pé da rúa” indicou Manuel Ruiz.

No eido das letras, o Grupo Popular apoiará a posta en marcha do proxecto “rede de vilas literarias” de Galicia na que Celanova, terra de Curros Enríquez, ocupa un papel central. Manuel Ruiz tamén indicou que, tendo en conta a experiencia dos cursos do audiovisual celebrados na comarca e a posta en marcha da Fundación Carlos Velo, os deputados populares traballarán para converter a comarca de Celanova nun referente do audiovisual galego.

O Grupo Popular valorou as necesidades e proxectos plantexados polos alcaldes e voceiros municipais dos concellos de Celanova, Cartelle, Quintela de Leirado, A Merca, A Bola, Verea, Ramirás, Gomesende, Pontedeva e Padrenda, apoiando sinaladamente os que supoñen a mellora das infraestruturas rurais e medioambientais así como os referentes á prestación de servizos sociais e asistenciais e mesmo de lecer e deportivos.

Así mesmo, o PPdeG impulsará a conversión do claustro do poleiro do Mosteiro de San Rosendo en hotel-monumento para relanzar deste xeito os servizos turísticos da zona e convertela nun centro de atracción mais dentro do plan de dinamización.
Gabinete de Comunicación do Grupo Parlamentario do PPdeG