Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Raquel Arias confirma a instalación dun servizo de videovixiancia e control de acceso nas instalacións portuarias

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, confirmou a próxima posta en marcha dun sistema de videovixiancia e control de accesos nas instalacións portuarias de Celeiro e Burela, atendendo á optimización dos servizos para os traballadores do sector.

Ademais, a delegada sinalou que as zonas portuarias serán dotadas con rede wifi para propiciar o acceso á internet, ampliando así as ferramentas de comunicación e de traballo dispoñibles.

Tras anunciar algunhas das primeiras medidas que Portos de Galicia adoptará para mellorar as dotacións das instalacións lucenses, Arias referiuse a outras iniciativas que incidirán directamente nas condicións de traballo de pescadores e mariñeiros.

En primeiro lugar, a delegada quixo incidir en que a loita contra o furtivismo será, en todo caso, “un dos eixes principais da acción da Xunta en materia pesqueira”. Raquel Arias puxo coma exemplo dos froitos que empeza a dar a acción do goberno neste ámbito o marisco decomisado durante a última semana na Mariña lucense.

Igualmente, será de máxima preocupación para o goberno autonómico a seguridade dos traballadores do mar. Neste senso, Raquel Arias fixo énfase en que a partir do vindeiro ano incrementarase o número de efectivos adscritos ao helicóptero Helimer Galicia con base na zona, de xeito que poida prestar servizo as 24 horas do día.

Raquel Arias realizou estas declaracións no marco da presentación de Vidal Martínez Sierra como xefe territorial da Consellería do Mar en Lugo. O novo departamento territorial modifica a distribución xeográfica da antiga delegación territorial, concentrando agora a súa competencia entre os concellos lucenses de Ribadeo e O Vicedo.

Martínez Sierra asume a xefatura territorial do Mar en Lugo como “un reto” para impulsar o sector da pesca, piar básico na estrutura económica lucense. Nesta liña, o xefe territorial destacou a relevancia que a industria pesqueira ten para a mariña lucense e para a provincia en xeral, “especialmente se temos en conta que os peiraos de Burela e Celeiro figuran entre os catro con maior facturación pesqueira de Galicia”.
Gabinete da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo