Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O director da Egap aposta porque en tempos de crise a Administración dea exemplo

O director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, apostou porque en tempos de crise a Administración dea exemplo de austeridade, xa que en momentos difíciles como o actual, dixo, faise imprescindible un “goberno limpo e ao servicio de todos” que conteña o gasto superfluo e innecesario, como está a facer o novo executivo galego. Estas declaracións fíxoas no marco da inauguración das Xornadas sobre políticas públicas en tempos de crise: austeridade, eficacia e fomento da economía de Galicia, que se celebraon na sede da Escola están destinadas ao persoal ao servicio da Administración pública galega –especialmente aqueles vinculados aos ámbitos de responsabilidade- e interesados en xeral.

No seu discurso de inauguración, o máximo responsable da EGAP salientou o importante vínculo que une ao desenvolvemento económico coa democracia e o benestar dos cidadáns, e formulou a necesidade de buscar mecanismos para superar a crise económica, a cal “non é senón unha conxuntura das que ciclicamente afectan para fortalecer o sistema capitalista”.

En referencia ao programa das Xornadas organizadas pola EGAP, Figueroa indicou que o seu propósito é “constituir un foro de debate e discusión, e de achega de ideas acerca do papel da Administración Pública no momento actual”, buscando acadar unha Administración moderna, flexible e áxil que saiba responder ás demandas da sociedade actual, á vez que garante “un marco regulador da actividade económica en termos de seguridade xurídica, igualdade e garantía”.

Ademais, o director da EGAP sinalou que a Administración “debe ser sensible ás necesidades educativas toda vez que a educación se converteu nunha prioridade nas sociedades desenvolvidas”, xa que hoxe en día a sociedade necesita que xurdan “líderes con iniciativa, ambición e capacidade de asumir riscos”.

Por outra banda, o dirixente da EGAP defendeu a necesidade de cambiar o modelo de crecemento actual, “baseado ás veces en demasía na construcción” por outro que potencie os sectores no que somos líderes como o forestal, conseguindo “que o valor engadido da madeira quede en Galicia”.

Outras áreas que se deben primar son as novas tecnoloxías nas que Galicia ocupa un lugar destacado, o sector textil e o fomento das marcas galegas e da imaxe da Comunidade no exterior. Buscando en última instancia “un desenvolvemento rexenerativo, dinámico, no que a Administración debe apostar pola innovación, a descentralización, a colaboración co sector privado e a transparencia da xestión”.

Por outra banda, unha das intervencións máis destacadas da xornada foi a do conselleiro secretario xeral de Inditex, Antonio Abril Abadín, que ofreceu un relatorio sobre competitividade empresarial, destacando a importancia da marca, a innovación e a internacionalización. Tamen interviron Joaquín Varela, director do IGAPE, Fredirk Löwhagen, avogado asociado Linklaters e Federico Durán López, catedrático de Dereito Laboral.

As Xornadas abordarán os diversos modelos de liderazgo en tempos de crise, os mercados emerxentes e as novas tecnoloxías que están a disposición de Galicia, así como a utilidade das políticas fiscais para superar as crises. Mañá será a quenda de José Carballo García, director de Finsa, e Juan Picos, director de Monte Industria, que falarán sobre O sector forestal: problemática e alternativas de futuro. Tamén participarán Luis Lara Rubido, director da Autoridade portuaria de Vigo; José Antonio Redondo, catedrático de Economía Financeira da Universidade de Santiago de Compostela e os reitores das tres universidades galegas Senén Barro (USC), José María Barja (UDC) e Alberto Gago (UVI) que falarán sobre O Proceso de Bolonia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia