Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia e Polonia apostan por intensificar os lazos comerciais e culturais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o embaixador de Polonia, Ryszard Schnepf, avogaron por relanzar e intensificar os lazos comerciais, económicos e culturais entre a comunidade galega e a República de Polonia. Así o acordaron durante o encontro que mantiveron esta tarde en San Caetano e no que tamén participou o cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan M. Vieites Baptista de Sousa.

Durante a xuntanza, Alberto Núñez Feijóo e Ryszard Schnepf coincidiron en destacar a importancia estratéxica da economía polaca, xa que é unha das que máis están a medrar na Unión Europea. De feito, o seu mercado de case 40 millóns de habitantes, situado no centro de Europa, cunha sociedade nova e cualificada, xunto co dinamismo nos sectores da construción e inmobiliario, electrónico, automoción, electrodomésticos e alimentación teñen atraído no ano 2007 uns 13,4 mil millóns de euros de investimentos estranxeiros directos. Nos últimos anos, ademais, téñense intensificado os fluxos comerciais entre Polonia e España e tamén entre este país e a comunidade galega.

Por iso, tanto o presidente da Xunta como o embaixador polaco coincidiron en destacar a importancia que supón o estreitamento dos lazos económicos, comerciais e culturais para ambos os dous territorios.

Relanzamento da cooperación con Opole

O embaixador de Polonia tamén lle transmitiu ao presidente galego o desexo do mariscal do voivodato de Opole, Jozef Sebesta, de relanzar a cooperación entre Galicia e Opole, con motivo do décimo aniversario do Acordo de colaboración entre as dúas rexións.

Este acordo de cooperación entre ambas as rexións, que establece a base das relacións mutuas e o marco das actuacións a realizar de forma conxunta, foi asinado en marzo de 1999, no marco da visita que o presidente da Xunta realizou á cidade polaca. Este programa permitiu, entre outros, que membros da administración rexional de Opole viaxasen a Galicia en período de prácticas para adquirir coñecementos sobre o funcionamento das institucións autonómicas e daqueles organismos e departamentos, tanto públicos como privados, encargados do desenvolvemento da política rexional europea, así como intensificar a colaboración no seno das organizacións interrexionais das que ambas rexións son membros.

En xullo do 2001 asinouse, ademais, o Convenio de irmandamento (Twinning) PHARE entre Galicia e Opole, que contou cunha ampla axenda de actividades entre as que destacan as visitas de expertos galegos a Opole que achegaron os seus coñecementos en materias comunitarias concretas impartindo seminarios, conferencias ou talleres. A contribución dos expertos foi fundamental para a preparación do Programa operativo rexional da rexión de Opole. Entre as actividades levadas a cabo por Galicia destacan a asistencia, dous anos consecutivos, á feira internacional de Opole, a celebración do día de Europa dedicado a Galicia ou conferencias de divulgación sobre a comunidade galega.

O presidente da Xunta resaltou ante o embaixador polaco que a colaboración con Opole ten sido fundamental para a internacionalización das empresas galegas no país polaco. Ademais, destacou que a parte do aspecto puramente comercial, o irmandamento permitiu establecer as bases para realizar proxectos comúns financiables con fondos estruturais, entre os que destaca a promoción do Camiño de Santiago.

Alberto Núñez Feijóo cualificou a colaboración entre ambos territorios como moi positiva e avogou por seguir mantendo esta frutífera relación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia