Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O centro cultural Carvalho Calero acolle a mostra Editar en galego baixo a censura

O Centro Cultural Carvalho Calero acolle a mostra “Editar en galego baixo a censura franquista”. Unha exposición organizada pola Fundación Penzol que conta co respaldo do Concello de Ferrol e que ilustra as prácticas represoras da censura en relación á edición en galego. Na maioría dos casos, os documentos nela recollidos nunca foron divulgados, mais conforman unha parte fundamental da memoria colectiva, rescatada con esforzo. Algúns deles, mesmo chegan a proporcionar novidades respecto a diversos capítulos relevantes da historia cultural de Galicia. A mostra permanecerá aberta ata o día 30 en horario de 10 a 14 horas e de 19 a 21,30 horas.

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentaba a exposición en compaña de Xosé Manuel Soutullo, o seu coordinador xeral, e Xosé Manuel Dasilva, o seu comisario. Nas súas intervencións, a edil ferrolá animaba á cidadanía a achegarse ao centro cultural e comprobar a tortura intelectual que exerceu o réxime franquista en Galicia, unha práctica propia de toda dictadura e que en España foi especialmente activa.

Así mesmo, Dasilva insistiu en que a exposición non pretende ser un inventario exhaustivo, senón máis ben unha visión panorámica da represión exercida sobre a actividade editorial. Unha faceta pouco tratada, na súa opinión. No capítulo de agradecementos, aludiu especialmente á sensibilidade mostrada polo Concello; á fundamental contribución da editorial Galaxia e á colaboración da Xunta de Galicia que, a finais do ano 2008, apostou por darlle o carácter itinerante á mostra. Así, tras o seu paso por Ferrol, a exposición se trasladará a Foz, Lugo e A Coruña.

Así mesmo, Soutullo salientou o carácter didáctico da mostra en torno á represión e a súa influenza sobre a edición de libros en galego. Entre 1938 e ben pasado 1975. Un percorrido histórico sobre a acción da censura e os seus efectos sobre algúns dos autores máis representativos da historia recente de Galicia.

Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol