Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inaugúrase o Porto Deportivo Marina Coruña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou o seu apoio ao Porto Exterior da Coruña e expresou o seu convencemento de que o apoio institucional “conseguirá superar os atrancos que esta obra impón”. Por iso, brindou o “apoio leal” da Xunta. O mandatario galego recoñeceu que non ver a importancia “que ten e terá” o Porto Exterior, sería “sinónimo de gobernar de costas ao mar”, porque non se trata dunha infraestrutura local ou comarcal, senón “española e europea”, puntualizou. “Galicia é unha realidade global que necesita ser vista como globalidade nestes momentos de crise”.

“Estou convencido de que o ex presidente da Xunta, e presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe, saberá facer o que temos que facer entre todos, e lle brindo dende aquí a colaboración leal da Xunta de Galicia. Nos atopamos nunha situación difícil, pero estou seguro de que o Ministerio de Fomento, e entre todos, atoparemos unha solución a esta situación herdada”.

O xefe do Goberno galego inaugurou as instalacións do novo Porto Deportivo Marina Coruña e, na súa intervención, salientou o “esencial” que é acadar a “integración e a coordinación dos portos, xa sexa de competencia estatal ou autonómica”. Por iso, amosouse convencido de que esa mesma cooperación institucional “que fixo posible o acordo sobre o AVE galego, ou o consenso entre a Xunta e os concellos en materia urbanística”, será fundamental, tamén, para sacar adiante esta infraestrutura. De igual xeito, instou a “non incorrer no erro de ver en cada dotación algo illado”.

Feijóo salientou que o novo porto inaugurado é, tamén, “unha ponte” entre o pasado e o futuro, e “un dos mellores portos deportivos” da Europa Atlántica pola súa situación, polas súas dotacións e pola “vocación mariñeira” da propia cidade herculina. Apuntou, ademais, que nace “da man de galegos”, porque galegos son a empresa promotora, os futuros xestores do complexo portuario e “aqueles que foron quen de superar os enormes desafíos” que ten unha obra deste tipo.

Unha Administración que está ao lado dos emprendedores que aquí hai
Ao seu xuízo, o novo porto deportivo da Coruña é “unha mostra de confianza no noso país”, e de que os emprendedores que o promoven “están a poñer en práctica o galeguismo máis útil, que é o dos feitos, porque invisten en Galicia e na Coruña e iso, merece todas as loubanzas”, recoñeceu. “Ningunha medida contra a crise que padecemos será útil se os que necesitamos que o fagan abandonan a súa misión de emprender e se os poderes públicos non somos quen de protexelo”, aseverou Feijóo, e apostilou: “Aquí hai emprendedores e quero que haxa unha Administración que estea ao seu lado”.

Manifestou, así, que a Xunta “está convencida de que Galicia pode ser unha potencia de primeiro nivel en economía do mar”. “O é e o será –matizou-, porque neste mesmo porto os pavillóns dos barcos que xa están aquí atracados demostran que esta esquina do Atlántico galego atrae a navegantes de moi diversas procedencias”.

No seu discurso, lembrou cómo todas as mitoloxías vencelladas coa nosa terra teñen o mar como orixe ou destino e afirmou que “o mar volve a ser o gran destino de Galicia”. “Estou certo que estamos no século do mar e iso supón que países e rexións marítimas terán unha grande vantaxe que cómpre aproveitar –dixo-, e o comercio, o transporte e o aproveitamento dos recursos teñen o seu futuro no medio mariño”. Feijóo indicou que “o segundo paso” da globalización terá no mar “o seu principal protagonista”. “Penso que aquela Liga Hanseática que no século XIV unía as cidades costeiras volverá ser unha realidade e A Coruña e Galicia formarán parte dela”, argumentou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia