Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O SLG pide ao Goberno unha rebaixa dos impostos abusivos que gravan o gasóleo agrícola

A alza do prezo do petróleo experimentada nos últimos días está a preocupar especialmente ao Sindicato Labrego Galego, que xa no pasado mes de maio reivindicaba para o gasóleo agrícola un prezo social adaptado ás necesidades da produción agropecuaria. Esta demanda non é unha quimera; pola contra, trátase de algo perfectamente realizable se o Goberno de Zapatero ten a vontade de atallar un problema que vai poñer en xaque a miles de explotacións agrarias en todo o Estado.
A actividade agraria e gandeira sufriu nos últimos tempos un incremento continuado dos custes de produción (pensos, fitosanitarios, sementes, gasóleo), sen posibilidade de aumentar o prezo dos produtos que saen ao mercado, co cal, a rendibilidade do traballo labrego, xa de por si escasa, estase a facer cada vez menor. Vexamos con datos estatísticos a fráxil situación que mantén ao borde do peche a miles de explotacións en Galiza e no resto do Estado e que a suba do prezo do gasóleo pode crebar:
-O gasóleo incrementouse un 34,1% con respecto a 1999. Coa tendencia alcista actual, este aumento do prezo será aínda maior a finais de ano. Para os labregos e labregas de Galiza resulta imposíbel trasladar estes aumentos aos prezos das súas producións pola presión da industria, da distribución e a rixidez dos prezos oficiais de intervención. Teñamos en conta que os labregos só participan dun 26% de media do valor que pagan os consumidores polo seu producto. Todo aumento do prezo do gasóleo, tal e como están hoxe en día as relacións no mercado, terá que restarse a esas exiguas ganancias.
-Completando o anterior, outro dato ben gráfico é que, actualmente, os custes de produción representan o 60% da renda bruta agraria. Destes custes, ata agora o investimento medio en gasóleo dun labrego ascendía ao 8’1% deses custes totais. Se ao incremento do gasóleo engadimos o dos fertilizantes, sanitarios, sementes, pensos, etcétera, nos atopamos cun aumento dos custes de produción do 17% nos últimos cinco anos.
-No tema particular do gasóleo, o seu prezo débese, en grande medida, a uns impostos abusivos que só dependen da vontade do Goberno. De feito, do prezo final do gasóleo o 32’5% corresponde a cargas fiscais. Así, os labregos pagan por cada litro 0’304 euros (50’58 pesetas), que aumentan a 0’451 euros (75’04 pesetas) no prezo final ao engadirlle os diversos impostos.
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego pide ao Goberno unha serie de medidas de tipo fiscal, e non axudas directas –que son ilegais na Unión Europea-, para paliar o impacto sobre o agro motivado polo aumento no prezo dos carburantes. As reivindicacións do SLG con respecto ao gasóleo agrícola, todas permitidas pola normativa comunitaria vixente, son as seguintes:
-Exención do imposto especial de hidrocarburos para o gasóleo utilizado nas actividades agrarias (na actualidade, os labregos págana 0’079 euros por litro, 13’09 pesetas, por este concepto).
-Aplicación dun tipo reducido de IVE para o gasóleo consumido polos profesionais agrarios de maneira que, en troques de aplicar o tipo actual do 16% (0’06224 euros por litro, ou 10’35 pesetas), se aplique o 7%.
-Supresión da taxa de hidrocarburos, ou Imposto sobre Venda Minorista (IVM), que é de 0’006 euros por litro (1 peseta).
-Establecemento dun prezo social para o gasóleo agrícola, que evite as oscilacións á alza do prezo de custe e posibilite a rendibilidade das producións agropecuarias polo seu alto valor estratéxico de cara á mantenza dun mundo rural vivo e por seren a fonte dun dereito humano básico como é a alimentación.
Sindicato Labrego Galego (SLG)