Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Plan de Abandono de Moraleda e o Ministerio de Agricultura non solucionará os principias problemas do sector lácteo

O Sindicato Labrego Galego quere saír ao paso das declaracións do Secretario Xeral de Agricultura do Goberno Central, Fernando Moraleda, que anunciou onte en Lugo a posta en marcha dun plan de abandono das explotacións lácteas como unha das prioridades do Ministerio.
Para o Sindicato Labrego Galego, fomentar o peche de explotacións e o abandono da actividade é unha política que xa practicou o PP durante oito anos cos resultados desastrosos que todos coñecemos: só na Galiza pecharon máis de 40.000 explotacións lácteas na última década. Daquela, se a política agraria do PSOE se vai basear en “prioridades” coma plans de abandono, dende o SLG temos que dicir que estará condenada a fracasar.
O que realmente necesitan as explotacións de Galiza é que as deixen producir e vender o leite a uns prezos dignos. E as únicas solucións para acadar isto son:
- Garantir un prezo mínimo para o leite que cubra os custes e o traballo de produción. Unha fórmula para chegar a isto sería a creación de contratos homologados que regulen as relacións entre os produtores, por unha banda; e intermediarios e industria, pola outra.
- Prohibición do mercado de cotas, que fomenta a especulación cos dereitos a producir.
- Fixación dun volume mínimo de produción de leite para que a actividade dunha explotación sexa rendíbel, e redistribución gratuíta da cota láctea entre aquelas explotacións que non cheguen a ese mínimo para asegurar a súa viabilidade.

Estas son solucións que sacarían ás explotacións lácteas galegas, e ás do resto do Estado, da crise permanente en que se afundiron dende a nosa entrada na Unión Europea. O resto é pura demagoxia que só serve para maquillar a brutal reconversión ao que se está a someter ao sector lácteo iniciada polo Goberno de Felipe González, aplicada a fondo polo PP, e que semella que vai ter continuidade co PSOE de Zapatero.
Parece mentira que un sindicalista metido agora a político como Fernando Moraleda, ex secretario xeral da Unión de Pequenos Agricultores (UPA), e que sempre reivindicou unhas determinadas saídas para o sector lácteo, anuncie con tanto rebumbio un plan de abandono para o sector lácteo. Dende UPA sempre se criticaron estes plans de abandono por non ser unha solución para a crise do sector lácteo. Por iso sorprende no SLG que o propio Moraleda avogue agora por unha fórmula caduca e envellecida que vai permitir que sigan pechando miles de explotacións.
do Sindicato Labrego Galego