Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentado o programa de actividades do Porta XI Ensino

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou a determinante influencia do deporte na educación dos rapaces e rapazas como medio para adquirir hábitos de vida saudables e interiorizar valores importantes para o seu crecemento persoal.

Raquel Arias realizou estas declaracións durante o acto de presentación do programa de actividades do club de baloncesto Porta XI Ensino, que inclúe citas puramente deportivas pero tamén outras de carácter lúdico, como as excursións para nenos e nenas vinculados ao equipo ou unha competición na que poderán participar as mulleres afeccionadas que o desexen.

A delegada aplaudiu o labor que está a desenvolver o club “en favor da canteira”, e que nos últimos anos deu os seus froitos posto que a primeira plantilla “atópase na antesala da elite”, disputando a Liga Femenina 2.

Explicou que “a grandeza do equipo está no seu traballo de base, con 23 equipos de 300 rapazas, e tamén algún rapaz nas categorías iniciais, que levan o nome deste club”, e que estende a práctica do baloncesto entre os nenos e nenas da capital e do resto da provincia, mediante colaboracións con outros equipos.

Á marxe dos éxitos deportivos logrados polo club, Arias quixo destacar que o equipo é “un exemplo de traballo” e “unha escola de vida” para os pequenos. “Non dubidedes en continuar por esta senda, na procura dun equipo que quizá encha de apelidos lucenses a primeira plantilla, pero que, sobre todo, asentarase como unha escola vital para as rapazas de Lugo”, afirmou.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo