Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Deputación de Ourense facilita banda ancha no rural por 39 euros e sen límite de descarga

24 horas de conexión a Internet sen límite de descarga por 39 euros ao mes. Os veciños de 51 concellos do rural ourensán poderán acollerse a este novo servizo que promove a Deputación de Ourense, o cal permitirá o acceso a banda larga a miles de ourensáns que residen nas zonas rurais. Por este servizo, cada usuario pagará unha cota mensual de 39,44 euros e outros 110,20 euros pola cota de alta para sufragar o custe do servizo, que é posible grazas á Deputación de Ourense que financia a infraestrutura necesaria para dotar de acceso ás novas tecnoloxías ao rural ourensán, coa mesma calidade e rapidez que nas cidades.

Neste senso, a Deputación de Ourense ven de adxudicar o contrato de concesión para a prestación de acceso a Internet de banda larga aos concellos incluídos no ámbito dos proxectos “Arraiano”, “Terras do Avia” e “Delorur” á empresa Iberbanda, S.A., que presentou a súa oferta técnica. Esta empresa conta cunha amplía experiencia en dotar de conectividade a través de tecnoloxía Wimax ás zonas do rural onde non existen outras infraestruturas de banda ancha.

O proxecto está cofinanciado ao 70% polos Fondos FEDER de desenvolvemento rexional, sendo xestionado polo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos, co fin de cumprir un dos principais obxectivos dos devanditos proxectos: conseguir que a maior parte da poboación rural dos 51 concellos teñan acceso a unha banda larga de calidade.

A tecnoloxía proposta para a rede é WIMAX-e conforme o estándar IEEE 802.16-2005 e soportada na banda de frecuencias de 3,5 GHz. A empresa Iberbanda, S.A. oferta un paquete de servizos definidos por un importe total de cota de alta 110,20€ (IVE incluído) e cota mensual de 39,44€ (IVE incluído). O servizo estará dispoñible para tódolos usuarios dentro da zona de cobertura proposta. Estas tarifas estarán vinculadas a un acceso de 24 horas sen limite de descarga e sen compromiso de permanencia. A cota de alta contempla tanto a instalación como o alta, incluíndo tódolos conceptos para a posta en servizo do cliente. A tarifa mensual incluirá os custos de mantemento e alugamento de equipo do usuario.

Os concellos que se beneficiarán deste servizo, dentro do proxecto Arraiano son: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Polo que atinxe ao proxecto Terras do Avia os concellos que comprende son: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Finalmente, o proxecto Delorur abrangue os concellos de: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valedoras, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Francisco González Bouzán (Director Centro Cultural Deputación Ourense)