Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Lugo acolle entre o 9 e o 14 de novembro o Festival de Jazz

Presentouse na sede da Fundación Caixa Galicia o XIX Festival de Jazz de Lugo, que terá lugar entre o 9 e o 14 de novembro, e cuxo programa é, segundo os organizadores “o de máis nivel e máis completo de todas as edicións anteriores”. No acto de presentación do XIX Festival de Jazz participaron, ademais de membros do colectivo organizador Asociación de Amigos do Jazz “Escobijazz”, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez, o xefe territorial da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza, José Carlos Rodríguez Andina, e a concelleira de Muller e Benestar Social de Lugo, Carmen Basadre.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, eloxiou o traballo dos organizadores “á hora de confeccionar un cartel tan completo e de tan alto nivel, que consegue traer para todos e todas as lucenses cada ano a músicos de prestixio internacional”. Bao ratificou o compromiso da Área de Cultura da Deputación para apoiar “o festival de Jazz máis lonxevo de Galiza, con 19 edicións ás costas”, e garantiu o seu respaldo de cara ao ano que vén, na súa vixésima edición, celebrar o aniversario con artistas da calidade que merece a ocasión. Antón Bao, ademais, manifestou que “desde a Área de Cultura estamos dobremente satisfeitos por darlle o noso apoio a proxectos como este xa que cumpre con dous obxectivos que nos marcamos desde a nosa entrada no goberno da Deputación: dunha banda ofrecer ao público lucense una oferta cultural gratuíta que chegue ao maior número de persoas e promover iniciativas que fomenten o desenvolvemento cultural desde a base, obxectivo este último que o Festival de Jazz de Lugo cumpre ao dar a oportunidade de subir a un escenario e progresar na súa carreira musical a incipientes figuras do jazz galego.

Os organizadores, pola súa banda, lembraron que todas as actuacións programadas nos dous escenarios principais, o Círculo das Artes e a sede da Fundación Caixa Galicia son de entrada gratuíta, polo que agardan que o poder de convocatoria desta citas musicais sexa moi alta. Tamén fixeron fincapé en que, malia que o orzamento para o Festival de Jazz de este ano se reduciu considerabelmente, nuns 30.000 euros ata estabelecerse nos 60.000 euros finais, a calidade do mesmo non se resentiu nin o máis mínimo. Isto conseguiuse, segundo explicaron membros de “Escobijazz”, grazas a comezar a traballar coas axendas dos músicos e produtoras hai case un ano e permanecer até o último momento, baixando os artistas o prezo do caché, á espera de pechar algunha das actuacións.
Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo)