Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Economía e Industria achega 8 millóns de euros aos astaleiros Pymar para garantir a carteira de pedidos

O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o representante de “Pequenos e Medianos Estaleiros Sociedade de Reconversión, S.A” (Pymar), Antonio Sánchez-Jáuregui Martínez, veñen de asinar en Vigo un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta achegará 8 millóns de euros ao Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar, co que se garante a xeración de 2 millóns de horas de traballo para o mantemento do emprego nas industrias do sector.

Esta iniciativa supón incrementar nun 20% as aportacións actuais da Xunta de Galicia ao FPG de Pymar, que ascenden aproximadamente a 40 millóns de euros, coa finalidade de garantir que os estaleiros poidan acceder ao financiamento que precisan para facer efectiva a entrega dos diferentes buques en construción, e solventar así os atrasos que se están a acumular nas súas carteiras de negocios.

A Consellería de Economía e Industria ten incrementado os recursos do FPG de Pymar en 8 millóns para que con este fondo se poidan atender as solicitudes de garantías que precisan os estaleiros galegos para acceder ás diferentes operacións de financiamento dos seus proxectos. Deste xeito, o departamento que dirixe Javier Guerra, está a axudar as empresas do naval galego a superar as barreiras de acceso ao crédito, xa que, segundo o sector, este é un dos atrancos fundamentais á hora de atender os seus compromisos de fabricación.

En concreto, con esta achega facilitarase a contratación de 5 novas construcións adicionais de gran tamaño ou uns 8 buques de menor porte. Unha carga que equivale a un volume de traballo adicional de máis de 2 millóns de horas, coa conseguinte repercusión no mantemento do emprego directo dos estaleiros, como no emprego indirecto da industria auxiliar. Unha achega coa que tamén se prevé xerar un volume de negocio que se sitúa entre os 50 e os 60 millóns de euros.

Ademais, con esta iniciativa a Xunta está a apoiar a reactivación económica dun sector estratéxico para Galicia, xa que os 10 estaleiros galegos que forman parte de Pymar facturan conxuntamente máis de 850 millóns de euros e empregan, en cifras globais, a case 5.000 traballadores dun xeito directo e indirecto, a través da industria auxiliar.

Os estaleiros galegos, que representan o núcleo máis importante de construción naval en España, non son alleos as complicacións xeradas pola actual conxuntura económica, que ten provocado que as achegas actualmente realizadas ao Fondo Patrimonial de Garantías resultasen insuficientes para cumprir co obxectivo de atender a todas as solicitudes de garantías por parte do estaleiros.

En base a esta situación, e para facer fronte a estas necesidades de afianzamento, o Goberno da Xunta de Galicia considera necesario a subscripción deste novo convenio de colaboración para o fomento da construción naval en Galicia, mediante a complementación da capacidade de afianzamento do Fondo Patrimonial de Garantías de Pymar aos contratos dos estaleiros galegos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia