Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un estudo para a Consellería de Medio Ambiente define o risco socioeconómico de incendios forestais

Un estudo elaborado para a Consellería de Medio Ambiente polo Departamento de Socioloxía da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC (1) define o risco socioeconómico de incendios pola composición de cinco factores principais (presión demográfica, cultura forestal, rendabilidade forestal, organización e tensión social). A realidade física e socioeconómica fan que o risco de incendios en Galiza sexa alto e o noso país, xunto co norte de Portugal, é a zona de Europa con maior densidade de lumes.

Segundo o estudo, o risco de lumes diminúe na medida en que, por exemplo, se fomente a planificación territorial, a ordenación de usos, a xestión agrupada, ou a prevención de incendios. Pola contra, aumenta o risco de incendios a presenza de conflitos que se desenvolven en terreos forestais e a súa periferia: usos opostos do chan, explotacións ilegais, etc. Neste senso, algúns indicadores son: gando extensivo, caza, diversos problemas da propiedade: ubicación de parcelas-accesibilidade-transitabilidade-deslindes-rozas e as novas oportunidades de negocio inmobiliario.
A xuízo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o elevadísimo número de incendios que acontecen en Galiza todos os anos é inaceptábel e demostra a necesidade urxente de cambios na política agroforestal que reduzan o risco de incendios desde unha visión a longo prazo e ecoloxicamente sustentábel. Tentar reducir o problema dos lumes simplemente a un asunto de delincuencia só é útil para agochar a grave responsabilidade política da Xunta. ADEGA, xunto con outras organizacións agrupadas no Comité de Defensa do Monte Galego (2), insiste en defender un cambio consensuado da política agroforestal para combater as causas estruturais dos lumes.
Falta de debate e de transparencia
A negativa sistemática dos responsábeis políticos da Consellería de Medio Ambiente, comezando polo conselleiro Xosé Manuel Barreiro, a debateren coas organizacións sociais críticas coa política forestal, por exemplo en ámbitos como os medios de comunicación ou o Consello Galego de Medio Ambiente, é unha actitude covarde e antidemocrática. Conscientes da dificultade de defenderen unha política fracasada, prefiren a propaganda e o control da información ao diálogo e á participación social.
A non divulgación de estudos como o anterior, o esforzo para limitar a presenza dos lumes nos medios de información, a falta dunha metodoloxía fiábel para a avaliación adecuada das superficies queimadas, ou a escasísima información sobre os incendios que se pode atopar na web da Consellería (por exemplo, non recolle información sobre o Plan Infoga 2004), son só algúns dos feitos que evidencian cal é o principal obxectivo da Consellería de Medio Ambiente a respecto dos lumes: ocultar o problema perante a sociedade en lugar de resolvelo.
1 Un artigo sobre este estudo (Incendios forestais de novo, de José Pérez Vilariño e Braulio Molina) pode ser lido na revista O monte (nº 42, 2º trimestre 2004), editada pola Asociación Forestal de Galicia.

2 Comité creado en Ourense no ano 2002 que agrupa a organizacións ecoloxistas, sindicatos, forestais e partidos políticos. Máis información: http://www.adegagaliza.org/comitemonte/index.html
Adega