Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Luz verde á nova Lei de Pesca que o BNG rexeita por non contar co sector

O Parlamento de Galicia deu luz verde ao proxecto de Lei de modificación da Lei 11/2008,do 3 de decembro, de pesca de Galicia que abarca a modificación de 82 aspectos do texto da normativa, coa finalidade de adecuarse á realidade e ás demandas do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Na votación celebrada no Parlamento, as emendas que pedían a devolución do proxecto non saíron adiante, polo que o articulado segue o seu trámite parlamentario.

A conselleira remarcou que o articulado “é un compromiso do Goberno e da Consellería do Mar co sector, que necesitaba dun novo texto normativo” e definiuno como “a ferramenta que dará posibilidades de futuro a unha área productiva de Galicia”. Rosa Quintana remarcou que “a apertura, a participación e o consenso” son as bases desta lei “na que participaron todos aqueles que quixeron participar, con tempos e formas adecuados”. Así, segundo explicou a titular de Mar, o proxecto foi remitido a 114 entidades e asociacións do sector, ademais do Consello Galego de Pesca -que deu o respaldo case unánime ao texto- ao Consello Económico e Social e aos grupos parlamentarios.

Na súa intervención, Rosa Quintana salientou “o cumprimento da promesa de traer a lei antes do remate daqueles seis meses que pedíamos para traballar a prol do sector” para o que o seu departamento traballou “dende o minuto un da lexislatura con axilidade e rapidez e coordinado co sector”. A conselleira fixo fincapé en que se trata dun proxecto de lei “realizado co sector, desde o sector e para o sector, dun texto baseado no consenso, eles o apoiaron e participaron na súa definición”.

A conselleira repasou as principais novidades da futura normativa, que incide de maneira especial en darlle solidez e validez ás confrarías, na modificación do cómputo do período concesional das bateas, e na recuperación da figura do permiso de explotación (Permex). Ademais, o articulado propón que o Servicio de Gardacostas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) continúen tendo o seu propio marco xurídico, para evitar as complicacións e ineficiencias administrativas que suporía a súa extinción como entes de dereito público.

O obxectivo desta actuación, segundo explicou a responsable de Mar, é reformar a lei para dotar de seguridade xurídica “a un sector necesitado deste sustento de cara a efectuar os seus investimentos e planificacións para o día de mañá” e de cara a mellorar aqueles aspectos do articulado redactado polo anterior executivo cos que o sector estaba desconforme.

“Queremos que a lei saia adiante porque permitirá dar un carácter integral á pesca, ao marisqueo, e á acuicultura e axuntar estas actividades en eixes de traballo conxunto con outros eidos productivos como a transformación ou a comercialización, verdadeiros obxectivos”, salientou. E engadiu que a nova lei “consolidará as competencias que Galicia veu asumindo nestes anos e asentará o equilibrio necesario entre os eidos ambientais, económicos e sociais, o auténtico eixe do futuro da pesca no que se contabilizarán os recursos, as persoas e as empresas”.

Superado o debate de totalidade, o proxecto de Lei de pesca de Galicia segue o seu curso parlamentario, e os grupos parlamentarios deberán presentar agora as emendas parciais ao articulado. O texto e as propostas de modificación serán discutidos na ponencia a levar a cabo na Comisión oitava, de Pesca e Marisqueo, estando previsto que a nova lei se aprobe na primeira quincena de decembro.

Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación do BNG:

O portavoz do BNG en materia de Pesca, Bieito Lobeira, denuncia que a reforma da Lei de Pesca aprobada cos votos do Partido Popular “está feita sen contar co consenso do sector e é un paso atrás de incalculábeis consecuencias para o sector pesqueiro e marisqueiro galego”.

Bieito Lobeira criticou o procedemento formal que utilizou o Goberno do PP
para tramitar esta lei, “pola vía de urxencia, cun único artigo con 96
modificacións, que en realidade resucita catro leis do Goberno anterior: a Lei de Pesca, a de Confrarías, a do Servizo de Gardacostas e a do Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño”.

Pero para o de deputado do BNG, “o máis grave dende o punto de vista formal é que a Consellaría do Mar non a constrastou co sector pesqueiro e
marisqueiro, e non pasou polo Consello Económico e Social, o que suscitou as queixas deste organismo, malia estar presidido por un histórico militante do PP”.

Deste xeito, “e ante a falta de compromiso institucional e democrático do
Partido Popular”, Bieito Lobeira anunciou que “o BNG solicitará aos Servizos Xurídicos do Parlamento que informen se este procedemento de tramitación cumpre os requisitos formais”.

En canto aos contidos da reforma da Lei de Pesca aprobada polo Goberno de Feijóo, o deputado do BNG criticou que “se renuncia a ter máis capacidade de decisión para Galiza, mesmo en competencias que son exclusivas, e seguen pensando con mentalidade de vasalos asumindo mecánicamente o que manda Bruxelas ou Madrid”.

Ademais, denunciou que “se aposta pola privatización dos servizos públicos, como o INTECMAR, que se saca da estrutura da Consellaría do Mar; ou dos Servizo de Gardacostas, onde se recupera a posibilidade de que os traballadores de empresas privadas poidan asumir responsabilidades de funcionarios da Xunta de Galiza, como levantar actas”.

Asemade, criticou a falta de apoio á renovación da flota pesqueira artesanal, a esixencia de garantías para o establecemento de piscifactorías ou a recuperación dos PERMEX, “con todos os atrancos que ten provocado esta figura”.

Por último, o deputado do BNG botou en falta “que non haxa ningunha
referencia a primar a utilización de produtos galegos por parte da industria de procesado e conserva e que se manteña a inseguridade xurídica respeito ás concesións aos bateeiros”.

“Esta reforma da Lei de Pesca é un paso atrás de incalculábeis proporcións para o sector pesqueiro e marisqueiro: retíreno e inicien un proceso de diálogo e contraste”, concluiu o parlamentario nacionalista.



Gabinetes de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia + BNG