Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A cooperación empresarial entre Galicia e Portugal, ferramenta contra a crise

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, foi o encargado de inaugurar en Oporto o I Congreso Empresarial do Noroeste Peninsular, onde defendeu a cooperación empresarial entre Galicia e o Norte de Portugal como unha ferramenta para contribuír a superar a actual situación de crise económica.

Gamallo apuntou á cooperación empresarial trasnfronteiriza no actual contexto como “unha boa ocasión para as iniciativas imaxinativas, que poñan en marcha solucións novidosas”. Nesa liña, indicou que unha vía de saída nestes momentos “pasa por favorecer as sinerxías que se deriven da cooperación, a planificación e a xestión compartida de proxectos”.

“A saída da crise pasa por apoiar á iniciativa privada e empresarial, pois é precisamente esa unha das mellores ferramentas para avanzar nese camiño. Por iso a Xunta de Galicia e o Norte de Portugal apostamos por dar un apoio decidido á cooperación entre empresas”, subliñou o director xeral de Relacións Exteriores na apertura do congreso, que precisamente busca a consolidación dunha plataforma empresarial atlántica, aberta a Europa e Iberoamérica.

O congreso é o primeiro dos tres seminarios que esta semana se celebran na Eurorrexión sobre a cooperación transfronteiriza e nos que se analizan as posibles estratexias de cooperación entre as empresas e as administracións públicas galegas e portuguesas.

Nese sentido, o vindeiro mércores 25 de novembro terá lugar na sé da EGAP, en Santiago de Compostela, o Seminario sobre programación e xestión de fondos comunitarios transfronteirizos que organiza o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Xa o venres, día 27, Baiona acollerá o Foro de Cooperación Empresarial Galicia- Norte de Portugal, organizado conxuntamente pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e a Associaçao Empresarial de Portugal, onde se asinará un protocolo para a creación dunha rede empresarial de cooperación transfronteiriza entre empresas galegas e lusas.

Fortalecemento da Eurorrexión

A celebración destes seminarios é unha boa mostra do que se está a avanzar no fortalecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, especialmente sentando as bases dunha cooperación transfronteiriza avanzada, ata agora esquecida, que impulsa e promove as iniciativas empresariais e todas aquelas que redunden en beneficio da cidadanía e das empresas galegas e portuguesas.

A consolidación da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal é unha das prioridades políticas e institucionais da acción exterior de Galicia. O obxectivo fundamental é abrir o camiño a unha cultura de cooperación permanente para acadar de xeito conxunto unha vantaxe competitiva no ámbito europeo.

A Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal é o elemento aglutinador que apoia todas as alternativas viables de cooperación e á vez o elemento difusor de todas aquelas que poidan ser utilizadas como referencias para novas actuacións e sirvan de acicate para a bsca de novas áreas de actividade, que ata agora estiveron vedada ao traballo conxunto.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia