Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O PPdeG quere as catro deputacións e as alcaldías das sete grandes cidades galegas

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, protagonizou o primeiro encontro dixital organizado a través da nova web dos populares e, durante 90 minutos, estivo respondendo ás preguntas formuladas polos usuarios da páxina. O resultado final foi unha completa entrevista, con cuestións de todo tipo que o popular foi respostando durante esa hora e media.

Así, a un dos seus interlocutores, aseguroulle que o obxetivo dos populares de cara ás eleccións municipais de 2011 é o de conseguir as catro deputacións, a alcaldía das sete grandes cidades e tamén ser a forza máis votada na inmensa maioría dos concellos galegos. Nesta liña, o dirixente popular lembrou que o PPdeG foi o partido máis votado en 216 dos 315 concellos que hai en Galicia e apostou por traballar na busca de incrementar esa cantidade.

Nesta liña, foi preguntado tamén pola renovación do PP neste proceso, e Rueda recordou na súa resposta que o éxito do pasado 1 de marzo se basou en conxugar a experiencia e a renovación e afirmou que, de cara ás eleccións municipais de 2011, o partido buscará aos mellores candidatos, “de xeito que as siglas do PPdeG estean nos 315 concellos de Galicia por un equipo de aspirantes a alcalde e concelleiro solvente, ilusionado e capaz”.

Á pregunta doutro internauta sobre o papel da muller no PPdeG, Rueda asegurou que o partido potencia o papel da muller en cargos de responsabilidade pero non pensando en cuotas, como fan outros partidos, senón convencido da valía das mulleres para ocupar eses cargos na vida pública. Así mesmo, lembrou que a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, e a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, son ambas mulleres do PPdeG, aparte de que o partido tamén ten a honra de ser o primeiro en levar a unha muller ata a presidencia dunha Comunidade Autónoma, como é caso de Esperanza Aguirre, e tamén ata a presidencia do Senado.

Por outra banda, Rueda, que respondeu a máis dunha vintena de preguntas por parte dos internautas, amosouse en desacordo coas impresións lanzadas por un deles, que cuestionaba a utilidade do galego. Con respecto a isto, o secretario xeral do PPdeG afirmou que “o galego é patrimonio de Galicia e dos seus cidadáns e, como lingua propia, merece o noso respeto, o noso cariño e o noso esforzo en aras da súa difusión, promoción e implantación”.

Así mesmo, preguntado polo decreto do galego, o popular afirmou que os populares están traballando moi a fondo no tema e que, co resultado da consulta aos pais, van elaborar o borrador do novo decreto que, dacordo co prometido, se presentará antes de finalizar este ano. Coa mesma, fixo fincapé en que dúas linguas son para Galicia “unha riqueza e nunca un motivo de confrontación” e, por iso, o “decreto ten que recoller esa filosofía”.

Os hoxe entrevistadores de Alfonso Rueda tamén lle preguntaron pola sanidade e pola educación. Sobre a asistencia sanitaria en Galicia, Rueda lembrou que se trata dun compromiso do partido o evitar que os prazos das consultas médicas se demoren máis de 45 días e máis de 60 no caso das intervencións quirúxicas.

Apuntou tamén que, a través dunha auditoría encargada polo Sergas, os populares están traballando na reducción drástica das listas de espera que o bipartito maquillou gardando casos con nomes e apelidos en caixóns e sen tramitar, é dicir, os casos de pacientes reais galegos.

Sobre a educación, Rueda apostou por devolverlle a dignidade ao profesorado e por recuperar o respeto que nunca debeu perder.

Na web do PPdeG, que rexistrou un récord de visitas durante o tempo que durou o encontro dixital, ata superar as 5.500, Rueda asegurou que os partidos tenden a “acercarse aos cidadáns a través das novas tecnoloxías en precampaña e en campaña” mentres que, pola contra, a filosofía do PPdeG pretende rematar con esta situación e reducir a distancia entre o partido e os cidadáns.

Rueda aseguro tamén que entende as preocupacións dos cidadáns de Vigo e que, por iso, a Xunta da que forma parte traballa xa en que a cidade teña un novo hospital para o ano 2012, tras catro anos nos que o Goberno bipartito se limitou “a inaugurar maquetas”. Ademais, tamén lamentou que a falta de compromiso inversor amosada polo Executivo central co asunto da depuradora.

Por outra parte, Rueda admitiu que a súa carreira experimentara un cambio nos últimos anos que nin el mesmo prevía e descartou ser o sucesor de Feijóo se este sucedese a Mariano Rajoy: “Rajoy vai ser presidente de España e Feijóo presidente da Xunta durante moitos anos”.

Ademais, asegurou que as súas aspiracións políticas están colmadas e que traballará polo partido onde o PPdeG e Feijóo estimen que a súa labor poida ser máis útil.

En canto ao Congreso de Ourense, Rueda garantiu que a dirección autonómica do PPdeG será imparcial e garantizou a neutralidade nun proceso que se levará a cabo en Ourense e no que os propios militantes decidirán quen será o presidente provincial.

Rueda, que tivo que responder algunhas das preguntas desde o seu teléfono, por motivos de axenda, agradeceu aos que participaron neste encontro dixital a súa atención e desexou poder celebrar pronto charlas virtuais parecidas posto que todo o que sexa responder en primeira persoa ás dúbidas da xente axuda a eliminar algunhas barreiras existentes entre os cidadáns e a clase dirixente.
Gabinete de Comunicación do PPdeG