Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Servizo Galego de Saúde presentará no primeiro trimestre de 2010 o seu plan estratéxico

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera Álvarez, sinalou , na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, que o departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía está a elaborar, para os vindeiros anos, un plan estratéxico para o Sergas, que reafirme a súa misión e valores e recolla o proceso de cambio, innovación e modernización que se quere desenvolver.

Segundo explicou, este plan vai ser unha ferramenta que definirá os obxectivos estratéxicos e priorizará as liñas de actuación a seguir, e está previsto que se presente no primeiro trimestre de 2010. Sinalou que está baseado en seis puntos principais: garantir os dereitos dos cidadáns, centrar a organización nos pacientes, facer un seguimento integral destes en todo o continuo asistencial, incrementar a participación dos profesionais na toma de decisións, optimizar os dispositivos asistenciais integrados e modernizar e humanizar o Sistema Público de Saúde de Galicia, incorporando novos modelos de xestión.

A xerente indicou que á hora de elaborar o plan apostouse por un enfoque baseado en diversos procesos, como a revisión da estratexia global do Sergas e as súas implicacións, a elaboración do mapa de macroprocesos do Sergas, a realización do diagnóstico de situación destes macroprocesos e a definición das liñas de actuación dos proxectos do Servizo Galego de Saúde.

Atención primaria en Arteixo

Na súa intervención de hoxe no Parlamento, Rocío Mosquera tamén falou que o Sergas ten previstas diversas melloras sanitarias para o concello de Arteixo. Así, vaise poñer en marcha a receita electrónica e a historia clínica informatizada ao longo do primeiro semestre de 2010. Estas ferramentas axilizarán, de xeito importante, as tarefas administrativas e diminuirán o número de consultas por este motivo, co que se contribuirá a aumentar o tempo dedicado á asistencia dos pacientes.

Así mesmo, neste momento, está aprobado o plan funcional para a construción dun novo centro de saúde neste concello. Este plan funcional abrangue a creación dunha unidade de Fisioterapia, que dará cobertura á poboación deste municipio.

Actualmente, podemos dicir que está redactado e aprobado o proxecto básico arquitectónico, estando pendente a licitación da obra, unha vez que o concello poña a disposición do Sergas a parcela libre de cargas. Estímase un investimento de ao redor de dous millóns de euros, e un dimensionado de máis de 2.000 metros cadrados construídos.

Pediatría en Ares

Respecto da atención pediátrica no centro de saúde de Ares, Rocío Mosquera agradeceu o esforzo que están a facer os profesionais de pediatría e de Atención Primaria da área sanitaria de Ferrol, e do resto de Galicia, para dar resposta ás necesidades asistenciais, dado o contexto actual de limitación de profesionais de pediatría.

Na actualidade, tanto en Galicia como no conxunto do Estado hai déficit de profesionais médicos en diversas especialidades, como é o caso da pediatría ou a da Medicina Familiar e Comunitaria, polo que non é doado combinar os dereitos dos profesionais coas lexítimas esixencias dos cidadáns. Neste senso, Rocío Mosquera sinalou que o Servizo Galego de Saúde considera que un reordenamento da Atención Pediátrica na nosa Comunidade podería axudar a xestionar a devandita situación, mellorando a asistencia sanitaria na poboación infantil e optimizando os recursos humanos dispoñibles.

En calquera caso, son cuestións complexas que deben ser axeitadamente identificadas e analizadas para a formulación de solucións eficientes. Neste senso, como provedores da asistencia sanitaria, estamos a traballar, remarcou Rocío Mosquera, tanto na identificación de áreas de mellora como na súa aplicación efectiva, xa que somos os primeiros interesados en contar coa satisfacción dos pacientes e da poboación en xeral, así como dos profesionais ao servizo da sanidade pública.

Redefinición do Plan de Atención Primaria

Tamén hoxe no Parlamento de Galicia Rocío Mosquera anunciou unha redefinición do Plan de Atención Primaria para que se axuste ás estratexias da Consellería de Sanidade de poñer ao paciente como eixe do sistema. A tal efecto, o departamento que dirixe Pilar Farjas solicitou aos membros da Comisión de Avaliación Global deste plan a súa colaboración.

Segundo Rocío Mosquera, o Sergas cre que os obxectivos do Plan non poden limitarse só a achegar recursos á atención primaria, senón que se necesita establecer un novo sistema organizativo que permita a integración dos coidados prestados aos pacientes tanto en primaria como en especializada, de maneira que se evite a duplicidade de probas e se achegue a asistencia ao paciente, prestándolle a que realmente precisa en tempo e forma.

Necesitamos dispoñer de criterios que permitan valorar as necesidades asistenciais e situar os recursos onde máis se necesitan e que aporten un valor engadido. Ao mesmo tempo, sinalou a xerente do Sergas, necesitamos dispoñer de indicadores obxectivos que nos permitan saber se os cambios implementados contribúen a mellorar a calidade asistencial e, polo tanto, os resultados de saúde.

Plan director do CHOU

Doutra banda, o director de Recursos Económicos, Pablo Torres Arrojo, indicou que o Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) será unha infraestrutura prioritaria na política de inversións da Xunta, engadindo que se están a investir máis de 817.000 euros na revisión e redacción do anteproxecto do seu Plan Director.

Este plan inclúe a reforma e ampliación do Complexo, con obras que afectan ás instalacións da cociña, a novos bloques ambulatorios, á reforma e ampliación do antigo bloque cirúrxico, reubicación da UCI e ao novo edificio de unidades de hospitalización de obstetricia e de pediatría. Todo elo, dixo, será licitado en primeira fase no vindeiro ano 2010.
Gabinete de Comunicación do Servizo Galego de Saúde (Sergas)