O belén electrónico, protagonista do XXXVIII Nadal de Begonte (Lugo)
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/belen-1-12.jpg)
“Todos os valores que existen nas aldeas e nos pobos deste país teñen que seguir sendo exemplo para a nosa sociedade, por moi avanzada que estea, por moi global que resulte a nosa contemplación do contorno”. Con estas palabras, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, apelou á importancia de manter as tradicións durante a presentación do XXXVIII Nadal en Begonte, unha nova edición que ten como máis destacada manifestación o seu belén electrónico.
Raquel Arias aproveitou para reinvidicar “o popular, o rural, o natural”, destacando “todos os valores que existen nas aldeas e nos pobos deste país, que teñen que seguir sendo exemplo para a nosa sociedade, por moi avanzada que estea, por moi global que resulte a nosa contemplación do contorno”.
Neste sentido, a delegada sinalou que o belén de Begonte e todo o movemento cultural e social que hai arredor del é “un gran exemplo vital para todos nós”.
Raquel Arias será a pregoeira na apertura, o día 5 de decembro, do belén de Begonte. O pregón e un recital de panxoliñas da Coral Lugh da Asociación Xungalu -de funcionarios da Xunta de Galicia en Lugo-, abren un especial tempo cultural no que se desenvolverán os certames de xornalismo, poesía, debuxo infantil e o Certame Galego de Arte, todos eles convocados polo centro cultural José Domínguez Guizán.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/belen2-16.jpg)
Na presentación destas actividades participaron tamén o alcalde de Begonte, José Antonio Vázquez García; o presidente do centro cultural, Jesús Domínguez Guizán; o artífice do belén, José Rodríguez Varela; o organizador da mostra Imaxes do Nadal, Eduardo Rodríguez Ochoa, e o vicepresidente do centro cultural begontino, Xulio Xiz.
Fotografías: Carlos Rodríguez Arias.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo