Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A nova Lei de Pesca, taboleiro de xogo axeitado e práctico para o sector, según a conselleira do Mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, calificou o día de votación da nova Lei de pesca “como un día importante para a Galicia mariñeira”. Rosa Quintana, afirmou que o texto que se somete a votación hoxe no Parlamento, é o resultado “de seis meses de traballo” consensuado e sen parón. A nova Lei abarca a modificación de 82 aspectos do texto da anterior normativa cos que o sector non estaba conforme. “Poñemos ao servizo do sector o que pedía e necesitaba, un taboleiro de xogo adecuado e práctico”, dixo a conselleira, emocionada, tras a súa intervención no Pleno da cámara galega.

Rosa Quintana destacou que a normativa foi aprobada polo sector “co seu consenso case unánime”, xa que no Consello Galego de Pesca só tivo un voto discordante, e que conta co acordo unánime nas alegacións dos bateeiros. Así mesmo, remarcou que o articulado foi enviado e consultado con 114 entidades e asociacións como o resultado “dun proceso aberto e transparente”. Cabe lembrar que esta reforma legal conta con 6 alegacións do Consello Económico e Social (CES) fronte ás 28 da lei anterior.

Entre as novidades que incorpora a Lei está a recuperación do permiso de explotación (permex), con modificacións que minoran a burocracia e que serviu de exemplo para outras Comunidades Autónomas. Ademais, o articulado propón que o Servizo de Gardacostas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) continúen tendo o seu propio marco xurídico, para evitar as complicacións e ineficiencias administrativas que suporía a súa extinción como entes de carácter público.

A conselleira subliñou que as confrarías xogan un papel fundamental na nova Lei que potencia a unión e organización do sector, ao manter o rango legal dos pósitos e a súa capacidade organizativa. “Nós non queremos un sector dividido, queremos un sector unido e forte”, aseverou.

Rosa Quintana incidiu que esta nova Lei “establece as regras de xogo para un sector que debe e quere seguir estando á cabeza de Europa en materia pesqueira”. Así, a posta en marcha dos contadores a cero das concesións das bateas traerá vantaxes aos bateeiros e as mariscadoras beneficiaránse dun marco flexible coa primacía das que cumpran con responsabilidade e dedicación. Tamén se rebaixará a carga administrativa e a burocracia facilitando o seu traballo a mariñeiros e armadores. Así mesmo, a normativa facilitará a tarefa da Administración ao evitar baleiros legais e administracións paralelas.

A titular de Mar agradeceu o esforzo común de todos aqueles que participaron na elaboración do documento “que da a Galicia un novo pulo para a súa actividade marítima”, e de maneira especial “ao Goberno de Galicia e ao equipo de traballo da Consellería” polo seu esforzo de revisión, redacción e elaboración dunha norma que evita moitos prexuízos e eivas e permite “darlle ao sector vías legais que rexan o futuro en condicións de competitividade”. Así mesmo, a conselleira considerou fundamental as achegas do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola “o que amosa que queren traballar e decidir o seu futuro desde a responsabilidade e a asunción da conservación e aproveitamento dun papel de liderado a nivel español e europeo”.




Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia