Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Coral Lugh presentou o CD Non chores, Sabeliña

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, participou no salón de actos do Pazo de San Marcos na presentación do CD “Non chores, Sabeliña”, un disco que recolle esta zarzuela galega interpretada pola coral Lugh e que se editou grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación. Na presentación, xunto ao vicepresidente da Deputación, estiveron Fernando Gómez Jácome, director da coral Lugh, Lucas de las Heras Medina, presidente de Xungalú e Xoán Carballal, director da Orquestra de Xove. Como presentación do CD, membros do coro Lugh, de voces masculinas e femininas, interpretaron pezas da zarzuela “Non chores, Sabeliña”, que foi escrita por Trapero Pardo e musicada polo compositor lucense Gustavo Freire.

Antón Bao expresou a súa satisfacción “por poder colaborar a través da Área de Cultura da Deputación nun proxecto deste calado, co que se dá un impulso á recuperación desta zarzuela galega a través do apoio ao asociacionismo lucense”. Do mesmo xeito, o vicepresidente da Deputación lembrou que a zarzuela “Non chores, Sabeliña”, ademais de ter especial valor por ser unha das pezas cumio do compositor lucense Gustavo Freire, constitúe “o primeiro texto escrito e publicado en lingua galega logo da Guerra Civil española, unha época na que o uso do galego estaba moi vixiado”.

O proxecto de interpretar a zarzuela “Non chores, Sabeliña” foi posto en marcha pola asociación Xungalú hai xa uns cantos anos, e levouse a cabo a través do apoio de varias institucións, entre elas a Área de Cultura da Deputación de Lugo, e gracias ao traballo da coral Lugh, que dirixe Fernando Gómez Jácome, e á interpretación musical da Orquestra de Xove. Hoxe, cun éxito de público, presentouse un CD que recolle, detrás da zarzuela galega “Non chores, Sabeliña”, os esforzos dun conxunto de colectivos lucenses na recuperación e posta en valor, no lugar que se merece, das creacións de dous insignes lucenses como foron o escritor e xornalista Trapero Pardo e o compositor e músico Gustavo Freire.
Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo)