Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Torrente Ballester edita o catálogo da exposición Manuel Patinha. 20 anos de escultura

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentou xunto coa responsable de contidos do Centro Torrente Ballester, Susana Cendán, o catálogo da exposición “Manuel Patinha. 20 anos de escultura”, que ata mañá, xoves, se pode visitar nas instalacións do CTB -ata o momento, e a espera do balance final, o número de persoas que se achegaron a contemplar a obra artística deste artista de orixe lusa foi de 1.470, dos que 190 foron alumnos de centros educativos da cidade-. Así o destacou a responsable das políticas culturais do Concello, subliñando o éxito desta mostra e anunciando a pretensión, no vindeiro 2010, de invitar a escolares dos concellos limítrofes a vistar as instalacións e contidos do Torrente Ballester.

Con este catálogo de Patinha, o CTB inicia unha liña editorial que incluirá as publicacións correspondentes ás futuras exposicións que se organicen no Torrente Ballester. Todas elas, tal e como explicou Susana Cendán, terán o mesmo formato e de cada unha editaranse 500 exemplares. O de Manuel Patinha contén os textos en galego, castelán e inglés coa finalidade de darlle difusión fóra da Comunidade galega. En definitiva, segundo apuntou a responsable de contidos destas instalacións culturais, trátase de unificar a liña editorial do centro, o mesmo que se fará coa colección que se iniciou coa exposición “Carmencita”, cuxo carácter diferencial vén dado neste caso polo seu contido acorde coa Sala de Proxectos.

A publicación de Patinha recolle toda a súa traxectoria artística e exemplifica o modelo de publicacións que se seguirá nas exposicións temáticas, é dicir, naquelas que ocupan todo o Centro, variándose o seu contido e o motivo das portadas. Sae á venda ao prezo de 15 euros e o autor dos seus textos é o recoñecido crítico vinculado á Universidade de Santiago de Compostela e gran coñecedor da obra de Patinha José Francisco Blanco Fandiño. Estes van acompañados dunha completa selección de fotografías a cor, obra do fotógrafo ferrolán Ovidio Aldegunde. Ditas instantáneas amosan dun xeito gráfico a evolución deste artista de orixe lusa, clave no devir da escultura en Galicia, que o pasado 15 de outubro inauguraba no Torrente Ballester unha retrospectiva da súa obra, con pezas emblemáticas dos seus distintos procesos creativos que resumen dúas décadas de traballo. Así, o catálogo recolle todas estas obras, pertencentes ás series “Almas heridas” (1991), “Silencios del día” (1997), “Dramas” (1998), “Isometrías variables” (2000), “Bronces” (2005) ou “O proceso da alma” (2006-09), realizadas con materiais como aceiro galvanizado, inoxidable, bronce, aceiro e pintura. Segundo avanzou a edil de Cultura, os exemplares distribuiranse nas bilbliotecas dos centros educativos, na Universidade, asociacións culturais e de veciños, entre outras.

A edil de Cultura, Mercedes Carbajales, destacou a traxectoria de Patinha, a quen calificou como un dos máis consolidados e coherentes artistas plásticos. Así o subliña no catálogo da súa obra, no que lembra que a aposta do Concello por achegar á cidadanía o mellor da produción artística actual e a súa obriga de potenciar e difundir o traballo realizado polos nosos creadores alcanzan coa exposición “Manuel Patinha. 20 anos de escultura” unha síntese perfecta. Así mesmo, destaca as formas orgánicas e redondeadas das súas creacións, pouco frecuentes na escultura realizada con ferro e aceiro, que impoñen unha presenza poderosa que atopa nos espazos do Centro Torrente Ballester o marco idóneo para desenvolverse.

Finalmente, Mercedes Carbajales invitou á cidadanía a achegarse ata o Torrente para visitar a exposición, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 . Esta pechará o 31 de decembro ao igual que o resto das exposicións que na actualidade ocupan as salas do Torrente Ballester. Unha delas é “Carmencita”, un proxecto concebido para a Sala de Proxectos, composta por oito fotografías de Victoria Diehl e un texto escrito por Susana Cendán que ten como protagonista a estatua dunha nena no cemiterio de Ortigueira. A terceira das mostras que aínda se pode visitar é “Máximo Pracer”, composta por obra gráfica e unha única pintura -”Las Tentaciones de San Antonio”- pertencente aos fondos do Concello de Ferrol. As tres próximas exposicións e primeiras da programación cultural do 2010 inauguraranse o 22 de xaneiro.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol