Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O estudo de Norman Foster participa nunhas xornadas sobre a Estación Central de Galicia

O estudio do arquitecto británico Norman Foster desprazarase á cidade de Ourense para presentar modelos de permeabilidade urbana para a futura estación do Tren de Alta Velocidade en Ourense. Será no transcurso das Xornadas Técnicas “Ourense, Alta Velocidade: Estación Central de Galicia”, que organiza o Concello, que terán lugar do día 18 ó 22 de xaneiro no Centro de Desenvolvemento de Caixanova.

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e o tenente alcalde Andrés García Mata presentaron as xornadas que, segundo expresou o alcalde, pretenden ser “un foro aberto, con presencia das tres administracións e dos máis cualificados equipos técnicos, que podan aportar unha reflexión en profundidade sobre todos os aspectos relacionados coa Alta Velocidade en Galicia e en Ourense, e implicar á cidadanía nun proxecto que vai significar unha gran transformación das comunicacións e a intervención pública máis importante das última décadas”. Todo isto, sinalou, nun ano, o 2010, que “vai ser o decisivo para definir o proxecto de proxectos clave para o futuro de Ourense: o do AVE”.

Programa provisional

Segundo o programa provisional presentado, as xornadas comezan o luns, día 18 de xaneiro, para o que se cursou invitación ó presidente da Xunta, Alberto Núñez, para impartir a conferencia inaugural. En días sucesivos participarán equipos técnicos como os de Foster and Partners, integrado polos arquitectos Stefan Beiling e Ricardo Mateu, que impartirán unha ponencia sobre “Solucións arquitectónicas e modelos de permeabilidade urbana”, o equipo do arquitecto galego César Portela, Premio Nacional de Arquitectura, que falará sobre “Estacións intermodais, porta da cidade” e o equipo técnico de Oficina de Planeamento, gañadora do Premio Europeo de Urbanismo da Comisión Europea, e actual equipo redactor do novo Plan de Urbanismo de Ourense, que impartirá unha charla sobre “Integración ferroviaria nun modelo urbano ordenado e sostible”.

As xornadas complétanse coa participación de responsables do Ministerio de Fomento, como José Luis Cachafeiro Vila, secretario xeral de Transportes, Carlos María Juárez Colera, director xeral de Infraestructuras Ferroviarias, Víctor Morlán, secretario de Estado de Planificación e Infraestructuras, e o ministro de Fomento, José Blanco López, quen ofrecerá a conferencia de clausura das xornadas.

AVANCE DE PROGRAMA

LUNS, 18
20,00 h.: Acto Inaugural “Ourense, Estación Central de Galicia”

Presentación:
D. Francisco Rodríguez Fernández
Alcalde de Ourense

Conferencia inaugural:
D. Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

MARTES, 19
18,00 h.: “Estacións intermodais, porta da cidade”
Relatores: Equipo técnico de César Portela

20,00 h.: Conferencia
D. José Luis Cachafeiro Vila
Secretario Xeral de Transportes do Ministerio de Fomento

MÉRCORES, 20
18,00 h.: “Integración ferroviaria nun modelo urbano ordenado e sostible”
Relatores: Equipo técnico da Oficina de Planeamento
(Redactor do novo Plan de Ordenación Municipal de Ourense)

20,00 h.: Conferencia
D. Carlos María Juárez Colera
Director Xeral de Infraestructuras Ferroviarias do Ministerio de Fomento

XOVES, 21
18,00 h.: “Solucións arquitectónicas e modelos de permeabilidade urbana”
Relatores: Equipo técnico de “Foster and Partners”

20,00 h.: Conferencia
D. Víctor Morlán
Secretario de Estado de Planificación e Infraestructuras

VENRES, 22
20,00 h.: Conferencia de clausura
D. José Blanco López
Ministro de Fomento
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense