Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ferrol prepara o centenario de Torrente Ballester con conferencias, exposicións, obras de teatro e cine

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, e o profesor José Antonio Ponte Far presentaron os actos que acollerá a cidade de Ferrol ao longo do ano no marco da conmemoración do centenario do nacemento do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Unha programación que se desenvolverá entre os meses de marzo e novembro e incluirá exposicións sobre a vida e obra de Torrente, un ciclo de cine, teatro e conferencias de prestixiosos escritores, algúns deles gañadores do Premio de Narrativa Torrente Ballester que cada ano convoca a Deputación Provincial da Coruña. Esta institución, tal e como subliñou a responsable das políticas culturais do Concello, é unha das colaboradoras coa Administración local na organización destes actos, xunto coa Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela, o Ministerio de Cultura, a Consellería de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.

Tal e como indicou Mercedes Carbajales, Ferrol non será a única cidade que conmemorará este aniversario, toda vez que a ela se unirán outras da xeografía española como Salamanca, Santiago, Vigou ou Burgos, vencelladas á vida do ilustre escritor, que acollerán a exposición que o día 18 de marzo se inaugurará na sede da Fundación Caixa Galicia de Ferrol. Esta mostra formará parte do primeiro apartado de actos programados, que se estruturarán en tres estacións, sendo a primavera a primeira delas. Está promovida pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, dependente do Ministerio de Cultura, e inclúe unha gran variedade de bibliografía e obxectos persoais de Torrente Ballester (primeiras edicións das súas obras, libros consultados por el, as súas obras, etc.). Esta mostra estará aberta ao público ata finais da Semana Santa, coincidindo pois con dúas datas moi “torrentianas”: a celebración das Pepitas, que lle entusiasmaba ao propio autor, e a Semana Santa, da que falou en moitas das páxinas das súas obras. De xeito paralelo, está prevista a celebración de tres conferencias na Fundación Caixa Galicia a cargo de tres escritores distinguidos da literatura española, aínda sen confirmar.

A segunda estación, a do verán, faise coincidir coa data do nacemento de Torrente Ballester, o 13 de xuño de 1920. Será cando se inaugure unha segunda exposición: “Torrente y el mar”, neste caso, no edificio de Herrerías. A obra de Torrente será a protagonista desta exposición, que amosará aqueles textos nos que o escritor ferrolán fala da cidade e do mar, o cal tivo unha importancia moi grande na súa obra, tal e como subliñou Ponte Far. Así mesmo, a exposición completarase cun ciclo de conferencias -un total de 10- que se impartirán catro delas entre os meses de xuño e xullo e as seis restantes, no mes de novembro, facéndoas coincidir co fallo do Premio de Narrativa Torrente Ballester da Deputación Provincial, previsto para o 22 de novembro na cidade de Ferrol.

En canto aos conferenciantes que participarán neste ciclo estes serán escritores que gañaron algunha das edicións deste Premio, entre os que figuran Manuel Rivas, Víctor Freixanes, Xosé María Merino ou Luisa Castro. O ex ministro de Cultura César Antonio Molina será o encargado de impartir unha destas conferencias –está por definir se a súa intervención abrirá ou pechará o ciclo-.

O cine terá tamén o seu protagonismo na conmemoración do centenario do nacemento de Torrente Ballester. A este respecto, o profesor Ponte Far avanzou que en outubro está prevista a celebración dun ciclo de cine no que se proxectarán películas que se fixeron sobre a súa obra, como “El rey pasmado” e “Los gozos y las sombras” ou sobre guións escritos por Torrente, como “Surcos”. Por outra banda, presentaranse dúas obras de Torrente en edicións novas: “El cuento de sirena” e “La boda de Chon Recalde”. Desta última realizarase unha edición ferrolá con ilustradores ferroláns e comentarios de críticos tamén ferroláns. Prevese tamén a reedición de “Compostela y su ángel”, aproveitando a celebración do Ano Santo. A programación completarase con teatro, cunha adaptación da obra “La boda de Chon Recalde”.

A concelleira Mercedes Carbajales subliñou que todos estes actos outorgarán a Ferrol un protagonismo importante na conmemoración do centenario do nacemento de Torrente Ballester e traerán á cidade a escritores de altura que farán desta unha celebración cuxa trascendencia irá máis alá da cidade. Finalmente, agradeceu a colaboración de todas as institucións e entidades que colaboran co Concello na organización deste aniversario.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol