Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Arrancan as negociacións co Estado para as políticas de emprego en Galicia

A Consellería de Traballo e Benestar inicia as reunións da comisión bilateral Galicia-Estado, acordada o pasado 19 de novembro na reunión que mantiveron a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho.

Na xuntanza participan o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, e a secretaria xeral de Emprego, Maravillas Rojo.

Esta comisión bilateral ten como obxectivo abordar actuacións de cara a mellorar e activar máis políticas de emprego en Galicia durante o ano 2010 e compensar, na medida do posible, a eliminación por parte do Goberno central do Plan Integral de Emprego de Galicia (PIEG), que rematou o pasado 31 de decembro.

Precisamente, na reunión do mes de novembro, Mato manifestou o seu malestar por este motivo e solicitou, de novo, ao Ministro a continuidade do PIEG na Comunidade galega. De feito, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa tiña solicitado este Plan ao presidente do Goberno na súa primeira reunión tras a súa toma de posesión. Polo tanto, e ante a eliminación do Plan, decidiuse a creación da comisión bilateral para traballar en políticas de emprego para Galicia.

Así, no encontro avanzarase no establecemento de programas de mellora da empregabilidade de traballadores galegos, e tamén se abordará un posible financiamento adicional por parte do Servizo Público de Emprego Estatal das medidas que se poñan en marcha.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia