Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia e Castela León abren nova etapa de colaboración cun amplo protocolo político

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que permitirá a ambos territorios abrir unha nova etapa de cooperación mutua apoiada na lealdade institucional e dirixida, de maneira fundamental, a mellorar a calidade de vida dos cidadáns mediante un maior e mellor acceso aos servizos públicos esenciais.

O feito de que ambas Comunidades compartan fronteira con Portugal é outra das cuestións para as que se plantexa a colaboración. O fin que se persegue é o de impulsar e dar maior valor engadido ás políticas de cooperación co país veciño a partir dun triplo obxectivo: promover relacións de cooperación, intercambio e alianzas entre ambos territorios con Portugal en distintas materias; coordinar e potenciar os esforzos para negociar a atribución de fondos europeos cara á zona fronteiriza e, en terceiro lugar, compartir experiencias e proxectos de promoción así como desenvolver actividades de dinamización socioeconómica e cultural nas localidades fronteirizas. Por iso, estudarase a mellor fórmula para articular esta colaboración.

O documento inclúe algunhas cuestións novas en materia económica, como o establecemento de alianzas estratéxicas a partir dunha industria de fabricantes e de compoñentes do automóbil moi ampla e importante. Neste mesmo sentido, fomentarase a creación de clusters empresariais en sectores de actividade común en ambas comunidades e na Rexión Norte de Portugal. Esa colaboración estenderíase aos centros tecnolóxicos especializados e ás universidades.

A segunda gran liña de colaboración neste campo é o apoio conxunto no ámbito da minería, tanto na súa vertente enerxética como na non enerxética e, de maneira específica, aos empresarios e traballadores do sector louseiro.

Tanto para estas zonas de fronteira como para o resto do territorio galego e castelán e leonés son esenciais as infraestruturas, por iso no Protocolo fíxase, por unha banda, o desenvolvemento coordinado das conexións nas redes viarias propias. De feito, acórdase que a modernización da estrada que une Porto (Zamora) coa N-525 (Benavente-Santiago de Compostela), realícese mediante un convenio específico. Doutra banda, esixirase de maneira conxunta a execución de todas as conexións pendentes, tanto en estradas como en ferrocarrís, que sexan competencia do Estado central. En particular, sinálase a Rede de Alta Velocidade Norte-Noroeste (acceso sur a Galicia a través de Zamora e Ourense e acceso norte desde León a través de Ponferrada e Monforte de Lemos). Así mesmo, solicítase a culminación do eixo da Autovía Camiño de Santiago (Autovía Ponferrada-Ourense).

Dentro do terreo das infraestruturas, aquelas relacionadas co transporte e a loxística cobran cada vez maior protagonismo, polo que a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León establecerán instrumentos de colaboración e asistencia mutua, do mesmo xeito que o farán na área das tecnoloxías mediante a cooperación entre os centros de supercomputación de ambas Comunidades Autónomas.

O Camiño de Santiago, eixo de desenvolvemento cultural e turístico
Os dous gobernos asinantes do Protocolo son conscientes da importancia do Camiño de Santiago polo que, en primeiro lugar, ratifican o seu compromiso de impulsar un cume autonómico co resto de territorios cos que se comparte. Ante a celebración do Ano Xacobeo en 2010 fíxanse varios obxectivos como a colaboración (coas comunidades polas que discorre o Camiño “francés”) no desenvolvemento do programa de actividades “Camiño das Estrelas”. En materia de turismo e en actuacións de promoción e comercialización conxuntas, impulsarase unha ruta gastronómica e colaborarase no programa “Apertura de Monumentos” para a promoción e difusión conxunta do patrimonio vinculado ao Camiño.

A Ruta Xacobea é tamén protagonista na iniciativa “Son do Aire. Músicas do Camiño”, que tamén se inclúe no documento subscrito esta mañá, do mesmo xeito que o impulso ao proxecto “As Orquestras do Camiño 2010”.

Sen abandonar o terreo do cultural, no documento de colaboración tamén se contempla o impulso á xestión coordinada do románico existente nos dous territorios, o que tamén suporía a participación da Rexión Norte de Portugal. Outra das actividades propostas é a colaboración para que a exposición “Atapuerca e a Evolución Humana” teña carácter itinerante.

Pór en valor a emigración

A colaboración que se propón no Protocolo concede unha gran relevancia á atención aos cidadáns das dúas comunidades que residen no exterior. Cabe lembrar que Galicia é a Comunidade con maior número de residentes e centros rexionais fora das nosas fronteiras o que supón un engadido de experiencia e arraigamento no campo do apoio aos emigrantes. Ao mesmo tempo, Castela e León é outro territorio no que, historicamente, a emigración ocupou un papel relevante.

Nesta área traballarase para que os cidadáns que viven no exterior poidan beneficiarse dos recursos materiais apoiados ou cofinanciados por Galicia e Castela e León. Así se pretende que dispoñan das sedes e centros rexionais galegos naqueles lugares onde a presenza castelán e leonesa é menor, e viceversa.

Así mesmo, produciranse intercambios de experiencias e boas prácticas no deseño e xestión de plans e programas, xa sexan xerais ou dirixidos a un sector concreto (novos, maiores, persoas con discapacidade, etcétera) e para constituír acordos de colaboración para o desenvolvemento de programas conxuntos dirixidos tanto aos emigrantes galegos como aos casteláns e leoneses.

Un terceiro eixo de cooperación céntrase no desenvolvemento de actuacións en materia cultural ou na promoción de encontros e congresos de cidadáns no exterior.

Por último, fomentarase a colaboración entre a Fundación para a Cidadanía Castelán e Leonesa no Exterior e a súa homóloga en Galicia e no intercambio de experiencias na xestión das axudas aos emigrantes tanto individuais como en comunidades e centros.

Cooperación reforzada en educación e administración pública
O Protocolo subscrito en Santiago por Núñez Feijóo e por Herrera constitúe un avance significativo na cooperación d as comunidades en materia educativa, agrogandeira e a vinculada á modernización da administración pública.

En canto ao sistema educativo, ambas administracións comparten unha preocupación pola mellora constante da prestación deste servizo fundamental. Por iso, e entre outros asuntos, o documento fai posible que, a través da mobilidade de alumnos, os estudantes das localidades limítrofes poidan gozar de todos os dereitos dos que goza o alumnado da propia comunidade autónoma, e que están relacionados, por exemplo, coa admisión en centros e servizos complementarios de comedor, transporte, axudas ao estudo, e nos casos necesarios, de residencia. Trátase de novo de simplificar e facilitar a vida cotiá dos cidadáns achegándolles os servizos esenciais coa maior calidade e comodidade.

Coa idea de prestar uns servizos públicos de calidade aos cidadáns, tamén haberá avances para facilitar o cumprimento das obrigacións destes coa administración. Por exemplo, estableceranse sistemas que permitan reducir o papelame e axilizar trámites, facilitando a relación dos cidadáns coas institucións.

A todas estas materias hai que unir os acordos que o Protocolo contempla en asuntos como a Protección Civil, as infraestruturas de comunicación, o transporte público de viaxeiros por estrada ou a agricultura e o desenvolvemento rural.

Nesta última cuestión, establécese a procura de fórmulas que permitan a colaboración entre os centros de investigación situados nas dúas comunidades e o intercambio de alumnos e profesores para prácticas ou cursos de especialización. En materia de terreos e pastos limítrofes, o obxectivo pasa por definir un modelo de certificación ecolóxica nestas zonas.

Preocupación pola saúde e a calidade de vida a través do deporte
Unha das novidades que incorpora o convenio diríxese tanto aos mozos como aos maiores e, en definitiva, ao conxunto da poboación galega e castelán e leonesa xa que dedica un apartado específico ao fomento de actividade física e deportiva en beneficio da saúde e a calidade de vida dos seus cidadáns. De feito, a colaboración na materia contempla actuacións destinadas a colectivos como o de persoas con discapacidade ou quen están en risco de exclusión social, e a ámbitos como o escolar e extraescolar, os universitarios e, mesmo, o empresarial.

Por iso traballarase para conseguir tres grandes obxectivos: loitar contra o sedentarismo, previr o sobrepeso e a obesidade -con especial interese na infancia- así como reducir o impacto das enfermidades cardiovasculares e outras doenzas ligadas á inactividade física como a diabetes, a hipertensión ou determinados tipos de cancro. En segundo lugar, traballarase para minorar os hábitos nocivos para a saúde, sobre todo entre os mozos, e promover a súa socialización e a mellora do rendemento escolar e laboral. O terceiro obxectivo pasa por previr a dependencia, mediante actuacións de estímulo á autonomía e a calidade de vida entre as persoas con discapacidade e os maiores.

As ferramentas para alcanzar estes obxectivos son a colaboración para lograr contornos saudables nas cidades e municipios das comunidades, o traballo en investigacións relacionadas cos beneficios da práctica da actividade física e a súa repercusión no aforro sanitario, a promoción de actuacións e programas para fomentar o uso de transportes sustentables e activos, o deseño de campañas e materiais divulgativos para mellorar a información, formación e cultura deportiva dos cidadáns, así como o intercambio de boas prácticas e intervencións que demostren a súa eficacia neste asunto.

Defensa do patrimonio natural

Unha das características comúns ás dúas comunidades autónomas é a existencia dun rico patrimonio natural. Por iso, os dous Gobernos consideran que a cooperación nesta materia resulta imprescindible en beneficio dunha mellor conservación do mesmo e unha mellor xestión dos recursos naturais comúns. Así, dentro da xestión forestal, o traballo común irá dirixido á loita e ao control das enfermidades e pragas emerxentes a través da actividade que realizan os centros de sanidade forestal situados en Calabazanos (Palencia) e Lourizán (Pontevedra).

Os xestores dos espazos naturais lindeiros (Serra dos Ancares en León e Serra dos Ancares en Lugo) profundarán na cooperación e coordinación, e en canto á conservación da biodiversidade fíxase a colaboración para a conservación, seguimento e recuperación de dúas especies: o oso pardo cantábrico (ursus actos) e o urogallo cantábrico (tetrao urogallo).

Por último, tamén se reserva un espazo para destacar a importancia da caza e as dúas administracións comprométense a promover e desenvolver fórmulas de coordinación das respectivas reservas rexionais de caza lindeiras e á planificación dos seus aproveitamentos.

Os servizos públicos esenciais, máis preto

O Protocolo inclúe outras cuestións que pretenden mellorar facendo máis fácil e sinxela a vida cotiá dos cidadáns, sobre todo, daqueles que viven nas zonas limítrofes entre ambas comunidades. Así, o documento vén consolidar a colaboración xa iniciada entre as dúas administracións en materia sanitaria, de modo que se dá continuidade ao protocolo e aos tres convenios que xa se rubricaron entre os respectivos sistemas de saúde públicos e maniféstase a vontade recíproca de ambos gobernos por aumentar esta colaboración en áreas como a atención sanitaria en urxencias, emerxencias e transporte sanitario, a atención primaria e especializada, entre outras, así como o traballo en común en asuntos como o cartón sanitario, a formación do persoal ou a investigación en ciencias da saúde.

No ámbito social, a atención ás persoas dependentes é outra cuestión fundamental no documento. O que pretenden os gobernos de Castela e León e Galicia é que os beneficiarios do sistema poidan recibir a mellor atención e que os seus familiares tamén teñan facilidades para acceder a unhas prestacións de calidade. Para conseguilo, establécese unha cláusula na que se recollen os aspectos relacionados coa valoración e co seguimento de cada caso para que, con independencia do lugar de residencia, os servizos sociais poidan atender cada situación e ofrecer a mellor atención posible.

En materia de protección á infancia, atenderase de maneira especial aos procesos de adopción para facilitar o seguimento daqueles casos que se inicien nunha comunidade e finalicen noutra por cambio de domicilio dos pais solicitantes, por exemplo. Tamén se fai referencia no Protocolo á atención ás persoas maiores para que manteñan unha actividade plena a través, entre outras actuacións, dos intercambios de alumnos nos programas universitarios, da experiencia de ambas comunidades, e a integración dos colectivos de persoas maiores dunha Comunidade Autónoma nos programas que nesta área teña a outra Comunidade Autónoma.

A emancipación dos mozos en todos os aspectos constitúe outro dos eixos de actuación para os dous gobernos e, por iso, unha das cláusulas do protocolo especifica ata sete liñas de traballo dirixidas a ese gran obxectivo así como a promover o asociacionismo, fomentar proxectos integrais de autoemprego no medio natural ou promover a convalidación das titulacións no ámbito do tempo libre.

Seguimento dun mandato estatutario

Co obxectivo de que os acordos recollidos no Protocolo de colaboración se manteñan e se actualicen no futuro, constituirase en breve un Comité de Ligazón e Coordinación que estará presidido de forma paritaria polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e polo conselleiro da Presidencia e portavoz da Xunta de Castela e León, José Antonio de Santiago-Juárez. Este órgano estará integrado, tamén de forma paritaria, polos altos cargos que determine cada unha das administracións.

Coa firma do Protocolo, os presidentes Alberto Núñez Feijóo e Juan Vicente Herrera ratifican a súa aposta polo autonomismo útil e cooperativo e pola colaboración entre comunidades autónomas que recollen os seus respectivos estatutos de autonomía.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia