A Deputación de Lugo apoia con 35.000 euros o III Rallye Comarda da Ulloa

Na súa intervención, Antón Bao destacou que “a Área de Deportes da Deputación colaborou sempre co Rally da Ulloa desde a súa primeira edición”, contribuíndo deste xeito a instaurar na comarca unha proba automobilística que se consagrou no mundo do motor galego nestes dous anos grazas ao seu poder de convocatoria e ao éxito de participación. Bao fixo referencia a que esta proba, por ser a primeira do calendario automobilístico galego, conta cunha alta participación de equipos de referencia que aproveitan para probar os seus vehículos de cara á competición. Antón Bao sinalou que a Deputación apoiou decididamente con 35.000 euros esta proba “xa que constitúe, non hai que esquecelo, un importante axente dinamizador socioeconómico con capacidade para xerar beneficios no sector hostaleiro e turístico da comarca”. Tal como recordou o vicepresidente da Deputación, calcúlase que “son máis de 20.000 as persoas que acoden a presenciar o rally da Ulloa, polo que o impacto e repercusión que isto ten na economía local é moi importante e algo que ter en conta á hora de organizar competicións deportivas deste tipo”. Antón Bao aludiu á capacidade dun evento como o rally para dinamizar o sector turístico “nunha comarca que conta cun enclave como é o Castelo de Pambre, onde toma a saída o rally, e que agardamos axiña se converta nun ben público como edificio histórico, e que sexa un emblema, ademais de para a comarca, para todo o País”.
Pola súa banda, Luís Vilariño, presidente da Escudaría da Ulloa –organizadora do evento, agradeceu á Deputación de Lugo todo o apoio que desde a Área de Deportes se lle brinda á organización do Rally Comarca da Ulloa desde a súa posta en marcha e explicou que este ano se introducirán dúas novidades: unha axilización na disputa dos tramos cronometrados que permitirá rematar o rally sobre as 7 da tarde e a inclusión dun tramo-espectáculo cronometrado en Monterroso na que se cobrará, para axudar a sufragar a organización, unha módica entrada polo acceso ao público, que contará con lugares máis privilexiados e seguros para presenciar o tramo.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo