Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As escritoras Rosa Regás, Rosa Aneiros e Luisa Castro, protagonistas dos Encontros Literarios do Liceo de Ourense

As escritoras Rosa Regás, Rosa Aneiros e Luisa Castro son as convidadas este ano aos “Encontros literarios”, que organiza o Liceo de Ourense co patrocinio da Deputación provincial de Ourense e a Universidade de Vigo. Baixo o lema Escritura e compromiso os encontros literarios 2010 teñen como singularidade nesta edición que as protagonistas serán tres escritoras de prestixio tanto no ámbito galego como nacional. O acto de presentación contou coa presenza de José Luis Troitiña, responsable da sección de literatura do Liceo; Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus de Ourense; e Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación de Ourense.

José Luis Troitiña dixo que estes encontros contan con vinte anos de existencia “o que constitúe a actividade literaria máis antiga de España, e a súa consolidación amosa o interese que Ourense ven demostrando dende sempre pola cultura e a literatura e especial”. Troitiña, que tivo un recordo para Carlos Casares e Marcos Valcárcel como creador e impulsor desta iniciativa respectivamente, afirma que os “Encontros literarios” “teñen como obxectivo que todos poidamos disfrutar da literatura e achegarnos ás fermosas historias que nos contan os libros”.

Pola súa banda o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, destacou na presentación que cada euro que se gasta en cultura “supón un investimento na educación, no coñecemento e en definitiva na formación e na calidade de vida da nosa sociedade, algo ao que nunca debemos renunciar”.

Os encontros, que se desenvolven no Liceo os días 1, 2 e 3 de febreiro, ás 20.15 horas, comezan coa conferencia-coloquio de Rosa Aneiros, quen fala de “Literatura e compromiso: palabra dada, palabra recibida”. O día 2 de febreiro será Rosa Regás que intervirá coa conferencia “Lectura y creación”, e finalmente o 3 de febreiro Luisa Castro falará na súa conferencia de “As verdades da escritura”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense