Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo da Cornamusa da Deputación de Ourense acolle o legado musical do gaiteiro José Posada

O legado musical do gaiteiro ourensán José Posada, que viviu a maior parte da súa vida en Cuba, e do grupo que fundou en La Habana “O Quinteto Monterrei”, será conservado no Museo da Cornamusa da Deputación de Ourense, gracias ao legado que a familia de José Posada fixo á institución ourensá para a súa conservación, exposición e investigación.

No acto de presentación que tivo lugar na Deputación de Ourense participaron José Luis Foxo, director da Escola de Gaitas da Deputación, e o investigador Óscar Ibáñez, autor dun documentado traballo de investigación sobre a vida de José Posada e a música galega en Cuba da primeira metade do século XX.

O legado do músico consta de elementos históricos de gran valor artístico e cultural, como son dúas gaitas, unha caixa, partituras, libros e diversas ferramentas utilizadas polo mestre gaiteiro e músico José Posada para construír gaitas e outros instrumentos de maneira artesanal.

José Posada naceu na Rabela, onde recibiu a súa primeira formación musical e como artesán da gaita, e emigrou a Cuba en 1911, con 20 anos de idade. Logo de realizar diversos traballos, consolidouse como músico fundando en 1934 o quinteto “Monterrei” xunto co outros músicos galegos. Durante anos actuou nos principais salóns de baile da illa caribeña, dentro de eventos chamados naquela época “Bailes Dominicales de la Sociedad de Recreo en Cuba”.

A exposición cos instrumentos e material musical de José Posada formará parte dunha mostra que no vindeiro mes de febreiro exporase na Casa de Galicia en Madrid con motivo do Xacobeo, actividade que permitirá, segundo José Luis Foxo, “promocionar a nosa cultura musical de Ourense e o noso Museo da Cornamusa”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense