As Deputacións de Lugo e Ourense estudan a creación do museo Manuel María

Tal e como explicou o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, esta é a segunda xuntanza, logo de entrevistarse hai un par de semanas co seu homólogo coruñés, da rolda de contactos que se están a manter para lograr facer da casa de Manuel María un centro cultural para todo Galiza. Antón Bao remarcou que pola “transcendencia desta iniciativa en todo o ámbito do País, perséguese a implicación de todas as institucións que teñen competencias en materia cultural e daqueloutras que tiveron relación directa coa vida do poeta”. Neste camiño, Bao explicou que se pretende un achegamento para ver posíbeis puntos de colaboración entre as administracións galegas con responsabilidade en materia cultural (as Deputacións e a Consellaría de Cultura e Turismo), e aquelas institucións que tiveron relación directa e persoal con Manuel María, como é, por suposto, o Concello de Outeiro de Rei, o Concello de Monforte de Lemos, o Concello da Coruña e o Concello de Lugo. Antón Bao manifestou que o proxecto aínda se atopa nunha etapa incipiente pero que co liderado da Deputación de Lugo e o apoio doutras administracións poderase materializar e facer da casa natal do poeta Manuel María un centro cultural museístico para que os galegos e as galegas se acheguen á vida e obra do escritor chairego.
O nacionalista Antón Bao lembrou que a idea do proxecto de creación dun museo na casa natal de Manuel María xurdiu ao recoller a proposta feita desde a Fundación Manuel María. Bao, a este respecto, explicou que existe un claro “compromiso da Área de Cultura da Deputación por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María e, de xeito máis específico e inmediato, dispoñer dese espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo