Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro Dramático Galego ofrece as últimas funcións da obra As actas escuras

Máis de 2.000 espectadores asistiron ata o momento á nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), As actas escuras, que ofrece as súas tres últimas funcións no Salón Teatro de Santiago (venres 5 e sábado 6, ás 20.30 h, e domingo 7, ás 18.00 h). En total, serán 17 as representacións que a compañía pública terá ofrecido en Compostela con esta obra de Roberto Vidal Bolaño, recuperada para os escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices.

Tras este período de exhibición no Salón Teatro, o novo espectáculo do CDG visitará outros sete escenarios de toda Galicia. O Pazo da Cultura de Narón será os días 19 e 20 de febreiro o primeiro destino desta xira galega, que se estenderá durante dous meses ata completar unha trintena de funcións: Teatro Lauro Olmo do Barco (26 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (5 de marzo), Centro Cultural Caixanova de Vigo (17 de marzo), Teatro Rosalía da Coruña (19 e 20 de marzo), Teatro Principal de Ourense (27 e 28 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (3 de abril).

Investigación sobre os restos do Apóstolo

Unha investigación encargada polo cardeal Payá e Rico sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela de finais do século XIX centra a trama principal desta historia sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética. Xosé Manuel Olveira “Pico” e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.

As entradas para as tres últimas funcións de As actas escuras en Santiago poden adquirirse ben por anticipado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43, ben no despacho de billetes do Salón Teatro o venres e sábado de 18.30 a 20.30 horas e o domingo de 16.00 a 18.00 horas. O seu prezo é de 10 euros para venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.




Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia