Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Lugo acolle o 7 de febreiro a Xuntanza do Automobilismo que abre a temporada do motor

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, presentaron a Xuntanza do Automobilismo Lucense, que ten lugar o domingo 7 a partires das 5 da tarde no Pazo dos Deportes de Lugo. Esta actividade, que segundo Antón Bao pretende ser “a presentación da tempada de automobilismo e escaparate para todos os pilotos lucenses en competición”, está organizada pola Escudería Miño coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo. A Xuntanza do Automobilismo lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo dos Deportes a posibilidade de ver de preto os vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza.

Antón Bao fixo fincapé en que desde a Deputación de Lugo “impulsouse esta actividade porque queremos que estean presentes tamén todos aqueles pilotos que teñen menos oportunidade para saír á luz pública, de xeito que este acto sirva para que se fagan visíbeis, aínda que estean acompañados dos principais pilotos lucenses”. O vicepresidente da Deputación sinalou que “o deporte do motor en Lugo move a unha grande cantidade de afeccionados e a nivel profesional está a colleitar os maiores éxitos día tras día, polo que desde a Área de Deportes da Deputación debemos poñer os nosos esforzos en potencialo”.

Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, que organiza o evento, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte en Lugo e brindar oportunidades coma estas para que os equipos pequenos se dean a coñecer de cara ao inicio da tempada. Recollendo as palabras de Antón Bao sobre o bo momento do automobilismo lucense, Íñiguez lembrou que Lugo conta cos campións de rallys de Galiza, de España, do campionato de montaña de vehículos carrozados de Galiza, do galego de Todoterreo e varios campionatos monomarca.

Íñiguez avanzou que na Xuntanza do Automobilismo Lucense do domingo, a partir das 5 da tarde, os afeccionados poderán ver de preto grandes equipos como o Nupel Rally Team, cos seus espectaculares Ford Fiesta S2000, varios Mitsubishis de alta competición, vehículos Speedcar de montaña, un mítico Renault Alpine de históricos, e despois practicamente a totalidade de vehículos que compiten en Galiza. Por esta razón, Carlos Íñiguez animou a achegarse a todos os afeccionados ao motor o vindeiro domingo ao Pazo dos Deportes nunha oportunidade única para ver de preto, fotografiarse, ou incluso obter os autógrafos das figuras máis destacadas do automobilismo lucense.

Vítor Otero (Xefe do Gabinete da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo)