A USC ampliará en 37.000 metros cadrados o campus de Lugo co proxecto Campus 2015

Campus de Lugo 2015, denominación do plan presentado, pretende consolidar a oferta docente existente e desenvolver a nova de forma axeitada, así como incrementar o potencial investigador e de emprendemento xa demostrado ata o de agora. “Atópamonos –lembrou o reitor- no máis desenvolvido dos campus non centrais do Sistema Universitario Galego, cunha oferta docente da que se benefician máis de 6.000 estudantes e cunha capacidade investigadora, uns servizos e unha infraestruturas moi importantes, sensiblemente reforzadas nos últimos anos”.
O desenvolvemento do plan implicará, entre outras actuacións, a construción de novos edificios de servizos e para centros singulares de investigación, a Escola de Enxeñaría Civil ou un pavillón polideportivo. Ademais suporá unha modificación substancial do urbanismo na principal arteria de entrada á cidade, o que permitirá amosar “un Lugo milenario e, ao tempo, moderno e atractivo para estudar, investigar ou investir”, subliñou Barro.

“Ben organizado e harmónico”, subliñou o reitor ao referirse á distribución do campus lugués, en 2015 contará coa incorporación dunha serie de novas parcelas a través dun proceso de expropiación de máis de 25.000 metros cadrados que será realizado e financiado pola Deputación de Lugo. Segundo indicou Senén Barro, neste senso xa se atopa en fase de redacción o proxecto de execución da futura Escola de Enxeñaría Civil. O resto de actuacións están vinculadas á incorporación do solo a expropiar. Serán un conxunto de intervencións que completarán o abano de servizos do Campus, establecendo instalacións deportivas propias e, sobre todo, reforzando os espazos e medios para a investigación, a transferencia e o emprendemento.
Ademais, o proxecto suporá a integración no perímetro do Campus dunha finca de prácticas de 13.000 metros cadrados, recentemente cedida polo Concello e que se irá incorporando na medida en que se vaia dispoñendo do solo previsto para a ampliación do Campus no PXOM e que suporá un incremento adicional de máis de 30.000 metros cadrados na superficie total do Campus.
É un conxunto de iniciativas que conforman un “ambicioso proxecto” xa en execución que permitirán a Lugo “seguir desenvolvéndose dun modo importante nos próximos anos” e que “acentuará o seu papel como un dos principais campus do Estado no seu ámbito de especialización”, concretou Senén Barro. Este desenvolvemento concretarase “sobre todo na investigación, a transferencia e o emprendemento”, engadiu, “aproveitando o impacto da actividade investigadora do medio centenar de grupos de investigación e as importantes infraestruturas de investigación xa dispoñibles”.
Cooperación
En Campus de Lugo 2015 conflúe a implicación da USC, Deputación e Concello de Lugo, colaboración institucional que redundarán no beneficio do Campus tanto no relativo á docencia como á investigación, e que representa “unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico da cidade, da provincia e do conxunto do país, sobre todo no sector primario, tan necesitado da inxección de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico”.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)