Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Blanca Marsillach percorre sete localidades galegas coa obra Buscando a Hillary

A Secretaría Xeral da Igualdade e a Fundación Caixa Galicia asinaron un convenio de colaboración para realizar accións conxuntas de sensibilización en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, a primeira será a obra “Buscando a Hilary”, incluída no programa para mulleres da compañía de teatro de Blanca Marsillach.

O convenio asinado pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e pola directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, “cumpre cun obxectivo de utilidade pública e de interese social, xa que está a concienciar á sociedade sobre a importancia e necesidade que supón a participación das mulleres en todos os ámbitos”.

A Fundación Caixa Galicia comprometeuse a continuar potenciando a visibilización e audibilidade das mulleres dentro da súa programación cultural. De feito, o principal punto deste convenio e a colaboración nos actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, que se celebra o próximo 8 de marzo.

En particular, a Fundación da caixa galega facilita o uso das instalacións de Santiago, A Coruña e Lugo, así como do persoal que as xestiona, para a representación da obra teatral “Buscando a Hilary”, que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade, dentro da programación do 8 de marzo.

Marta González agradeceu a Fundación Caixa Galicia a súa colaboración xa que “sen ela houbese sido moi difícil para a secretaría xeral da Igualdade levar a cabo este proxecto” e manifestou o seu desexo de que “esta colaboración poda levarse a máis actividades”.

A responsable da igualdade do goberno galego mostrouse ”satisfeita” xa que “todas as actuación de sensibilización en materia de promoción da igualdade son positivas, pero cando teñen un carácter lúdico, como é o caso, son máis accesibles as persoas”,. Ademais, dixo, no caso do teatro, “entretén e é un bo medio de transmisión de valores”.

Teresa Porto, pola súa banda, coincidiu en destacar a “feliz coincidencia dunha iniciativa social e cultural ao mesmo tempo, dúas vertentes fundamentais, centrais na actividade social de Caixa Galicia, tanto da súa Obra Social como da súa Fundación”.
“A colaboración entre organismos”, continuou a directora da Fundación Caixa Galicia, “é unha garantía de eficiencia, un modelo a seguir que até hoxe nos ten ofrecido os mellores resultados e que esperamos prorrogar no futuro”.

Programa de mulleres para mulleres

O acto da programación do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, é o “Programa para a Muller” que realiza Varela Producciones y La Compañía de Blanca Marsillach, e que inclúe a obra de teatro “Buscando a Hilary”, así como unha parte interactiva co público.

Na rolda de prensa, Blanca Marsillach indicou que o obxectivo é “axudar ás mulleres” e enviarlles a mensaxe de que “todas podemos cambiar, non importa a idade nin o estatus social”.

A obra, escrita por Elise Varela e interpretada por Blanca Marsillach, Fran Sariego e Miguel Foronda, representarase en sete cidades galegas (Lugo, A Coruña, Santiago, Verín, Ortigueira, Ribadumia e Vilalba) dende o 8 ata o 15 de marzo.

O espectáculo divídese en tres partes. Na primeira, Blanca Marsillach realiza unha pequena introdución sobre a autora da obra e fala en primeira persoa das súas experiencias como muller dentro dunha industria “primordialmente machista”.

A seguir, os actores realizan o pase da obra, unha retorcida e cínica comedia, na que se conta a historia de Hilary, unha avogada de éxito que aos seus corenta anos está estancada nun punto decisivo da súa vida e loita por mudar. Aí comeza un proceso de acordar ao coñecemento de quén é ela realmente. E mentres loita por atopar o camiño de volta a cordura, está confrontada co seu propio autodemo e ego, Wilpuck.

Unha vez terminada a representación, os actores permanecen no escenario para responder as preguntas que o público poida ter da obra. Ademais, as mulleres do público serán invitadas a participar activamente e intentar vencer os seus medos e inseguridades da mao dos tres actores, a través dunha serie de exercicios cos que pretendese incrementar a súa confianza e autoestima, dous valores necesarios para triunfar nun mundo no que nas mulleres están en desigualdade respecto aos homes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia