Ferrol conmemora o Día da Clase Obreira Galega

Neste senso, o rexidor municipal aproveitou a conmemoración do 38 aniversario desta histórica data para facer un chamamento á unidade de todas as forzas sociais e políticas para combatir a actual situación de crise económica que sitúa a falla de emprego como o principal problema dos cidadáns e cidadáns. Así, avogou por traballar xuntos para resolver esta situación e “defender os dereitos dos traballadores e traballadoras, loitar contra o paro e a indefensión laboral e garantir o apoio a todas as familias que se vexan golpeadas pola falta de traballo”. E ao respecto engadiu que a crise non pode ser resolta a costa dos dereitos sociais e laborais dos traballadores, algo que “nin é posible nin o aceptariamos”, subliñou.
Vicente Irisarri amosou o seu convecemento de que Ferrol necesita do esforzo e solidariedade de todos para saír adiante e incidiu na necesidade de reivindicar a historia e traer ao presente a aqueles homes e mulleres que xenerosamente se comprometeron cos demais chegando a entregar a súa vida para que hoxe “conceptos tan trascendentais como crise ou dereitos sociais puideran sustituir a outros se cabe aínda máis fundamentais, impensables para os actuais mozos e mozas”. Referiuse, pois, á falla de liberdades fundamentais ou á represión política e sindical. E ao fío disto, o alcalde aludiu a Daniel Niebla e Amador Rey que un día como hoxe perdían a súa vida en Ferrol en defensa da liberdade e na loita por unhas condicións laborais dignas para todos. Tamén tivo unhas palabras de lembranza para Manuel Amor Deus, quen loitou aquel día ao lado de Daniel de Amador e que pagou cunha dura represión e anos de cárcere o seu compromiso e valentía.
Vicente Irisarri referiuse no seu discurso a algunha das causas que desencadearon aqueles feitos do ano 1972, vixentes hoxendía, como é o caso do obxectivo do pleno emprego, a mellora das condicións de traballo, contratos dignos, a eliminación dos accidentes laborais ou a necesidade de políticas de igualdade nos convenios colectivos. E neste senso subliñou que é obxectivo das administracións e sindicatos protexer aos traballadores e traballadoras que actualmente se atopan en situación de desemprego, cubrindo as súas necesidades básicas e traballando para garantirlles unha mellor formación para que teñan canto antes a oportunidade de reincorporarse ao mercado de traballo.
O alcalde amosou, ao mesmo tempo, esperanza ante a situación de crise actual. E ao respecto lembraba a visita, este luns, do director xeral de Industria para dar conta dos novos proxectos que serán financiados coas axudas do Plan Ferrol. Un plan que permitiu a creación de máis dun milleiro de postos de traballo nas tres comarcas nos seus cinco anos de vida. Tamén referiuse ao Fondo Estatal de Inversión Local impulsado polo Goberno central para favorecer a xeración de emprego ou ao Plan Urban polo que Ferrol recibiu 12 millóns de euros da Unión Europea para a rexeneración dos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e Canido.
Finalmente, Irisarri manifestou que os veciños e veciñas de Ferrol son as prioridades do Concello, especialmente aqueles que teñen que acudir a diario ás Oficinas de Emprego e a mocidade, á que a sociedade lle nega nestes momentos o seu dereito a iniciar unha vida independente e digna. A eles, dixo, van dirixidos os esforzos e neles céntranse as políticas municipais. “Entre todos, da man dos traballadores e das traballadoras combatiremos a crise e sairemos dela, construíndo o presente e un futuro de oportunidades para Ferrol, para a súa comarca e para Galicia, un futuro co que soñaron Amador e Daniel hai 38 anos e que, se emulamos a súa mesma entrega, todos nós faremos realidade pronto”, subliñou.
Ao fin da ofrenda floral, que rematou coa interpretación do Himno Galego, o alcalde e a corporación trasladáronse ao barrio de Esteiro para asistir ao acto oficial de “bautismo” da praza Manuel Amor Deus, situada fronte ao estaleiro. Alí o alcalde e o fillo de Manuel Amor Deus, Germán Amor Varela, descubriron o monolito na súa honra. No acto participou tamén o secretario xeral de CC.OO., Ignacio Fernández Toxo, que, tras a intervención da concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, pronunciou unhas palabras.
Pola súa banda, Vicente Irisarri asegurou que con este acto reivindicativo a corporación era fiel aos seus principios e comezaba a pór as cousas no seu sitio. Destacou que hoxe ten un sitio aquí, en Ferrol, aquel que loitou polas liberdades democráticas antepoñéndoas incluso á súa propia vida. Unha persoa na que tamén se personifica a loita de moitos cidadáns e cidadás anónimos. Por iso, concluiu que adicarlle unha praza en Ferrol a Manuel Amor Deus é un acto de xustiza, co que se salda unha débeda de gratitude e co que se respecta a memoria histórica.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol