O ministro de Fomento aposta por convertir a Ferrol no porto de redistribución de tráficos do Atlántico español
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/ministro_de_fomento.jpg)
Así, o salón de plenos acollía a rúbrica do protocolo de actuacións, tras o cal chegaba o anuncio de José Blanco en torno ao porto exterior. Primeiramente, o alcalde, Vicente Irisarri, daba a benvida ao ministro nunhas datas moi especiais para a cidade, xa que estes días celebra a Semana Santa e, neste ano, o centenario do nacemento de dous ilustres ferroláns, Ricardo Carvalho Calero e Gonzalo Torrente Ballester. Así mesmo, Vicente Irisarri aseguraba que a cidade esperaba grandes noticias por parte do ministro de Fomento, no que a cidadanía tiña depositadas as súas esperanzas para o avance definitivo dunha infraestructura como o porto exterior, chamado a converterse no auténtico motor económico da comarca. Unha infraestructura que permitirá facer realidade a ansiada diversificación económica mantendo a posición de liderazgo no sector da construcción naval que, dende sempre, mantivo Ferrol.
Neste análise coincidiu José Blanco, para quen Ferrol é un enclave estratéxico que non se entende sen o seu porto. Porto que, tal e como recordou Vicente Irisarri, cumpre este ano o século de vida. E isto, en opinión do ministro, vaise a potenciar aínda máis cando o porto exterior funcione a pleno rendemento. Engadiu que é unha peza clave e os seus tráficos precisan diferentes tipos de acceso para o intercambio dun fluxo de mercadorías cada vez maior e, porque o porto vai a estar a punto para poder aproveitar ao máximo as súas ventaxas competitivas no momento que se complete a ampliación do canal de Panamá, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria de Ferrol encargaron un estudo que permitirá coñecer cales son as actuacións necesarias para convertir a Ferrol no porto hub do Atlántico español, onde chegue e se redistribúa a carga das grandes navieiras que atravesan o canal aproveitando a súa ampliación. Por iso, José Blanco explicou que, despois de culminar o ramal por estrada, agora é preciso avanzar no acceso por ferrocarril e o Ministerio de Fomento non quere perder nin un minuto máis na súa tramitación. Por iso, o ministro anunciou que despois da Semana Santa, o 7 de abril, sairá a información pública o estudo informativo do acceso ferroviario ao porto de Ferrol. Na súa opinión, é necesario e coherente coa política do Goberno de España. Unha política que, tal e como explicou, aposta por dotar de transporte intermodal as grandes áreas loxísticas e industriais do Estado, como é Ferrol e o seu porto.
Doutra banda, José Blanco tamén asegurou ser consciente do tamaño que está adquirindo a rede industrial e empresarial que se configura por toda a comarca arredor da cidade, polo que dende o Ministerio de Fomento se quere aproveitar todas as oportunidades que o porto exterior vai a crear para a área da Galicia Atlántica. Por iso, é preciso facilitar espacios e crear dinámicas que favorezan a acción das empresas que xa operan e queren operar nel. De maneira que todo o texido económico se acople e estruture do modo máis eficiente. Así, Blanco anunciou tamén que o ministerio xa está a traballar sobre a proposta planteada polo alcalde, Vicente Irisarri, de trasladar as mercadorías ferroviarias fóra da cidade á plataforma loxística de Leixa-Río do Pozo. ¿Como? A través dun estudo de viabilidade que o ministro espera ter listo antes de que remate o verán.
Por último, José Blanco aludiu ao protocolo de colaboración asinado co alcalde para o desenvolvemento de obras en estradas do Concello e para a transferencia da titularidade dalgunhas vías. En virtude do mesmo, o Concello manifesta a súa intención de aceptar a transferencia da titularidade dalgúns tramos da Rede Estatal que, co paso do tempo e o desenvolvemento económico e social, quedaron absorbidos dentro do núcleo urbano da cidade e o seu entorno metropolitano, tendo actualmente carácter urbano. Esta situación se dá, concretamente, nalgúns tramos das estradas FE-11, na Avenida de Esteiro e Estrada da Trincheira, na FE-13 Avenida de Nicasio Pérez e na FE-14 Avenida das Pías. Así mesmo, o Ministerio tamén asume o compromiso de redactar e aprobar os proxectos de obras de mellora dunha serie de tramos urbanos e proceder á elaboración dos mesmos en colaboración co Concello, executando as ditas obras. Nos seguintes emprazamentos: mellora puntual da seguridade vial na estrada FE-14, mellora da permeabilidade vial no enlace de O Sino, mellora puntual da seguridade vial na FE-13, Avenida de Nicasio Pérez e conexión da FE-11 (estrada da Trinchera) coa FE-14 (rúa Nova de Caranza).
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol