Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Sergas ultima o Plan Estratéxico da Sanidade Galega

Membros do Servizo Galego de Saúde ultiman o documento definitivo do Plan Estratéxico do Sergas. Este documento recollerá as principais liñas estratéxicas e de actuación para os vindeiros anos, co obxectivo fundamental de situar ao paciente como eixe do sistema e para ofrecerlle a toda a cidadanía galega unha asistencia sanitaria pública de calidade.

O documento planificará todos os departamentos e incidirá na importancia de prestar unha sanidade accesible e centrada no paciente, tamén nas infraestruturas, tecnoloxías sanitarias e nos profesionais sanitarios.

En definitiva, o Plan Estratéxico servirá de folla de ruta da Sanidade pública en Galicia e por iso está a elaborarse coa participación e colaboración de todas as institucións, organismos e asociacións relacionadas coa saúde da nosa Comunidade. Así, durante os últimos meses realizáronse varias reunións nas que membros do equipo directivo e representantes do Sergas reuníronse con profesionais de atención primaria e especializada, sociedades profesionais e científicas, e con asociacións e colexios profesionais.

Para a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, é necesaria a implicación activa de todos os profesionais e representantes do sector da saúde na elaboración e implantación deste importante Plan. Precisamente, os grupos de traballo creados rexéronse por unha metodoloxía establecida por expertos na realización deste tipo de encontros.

A finalidade desta organización foi garantir a consecución dunha visión compartida sobre as diferentes problemáticas da sanidade galega, e deste xeito, poder establecer un diagnóstico do noso sistema sanitario que conduza a elaborar unha estratexia firme de actuación e un compromiso conxunto de levala a cabo.

Polo tanto, as reunións proporcionaron aos membros do Servizo Galego de Saúde información valiosa para detectar as necesidades do sistema sanitario da nosa Comunidade Autónoma, e, en consecuencia, por en marcha os plans destinados a conseguir os obxectivos que se establezan.

Últimas sesións

Todos os contactos realizados durante os últimos meses serviron para recompilar todas as aportacións e valoracións dos diferentes representantes e colectivos ao futuro Plan.

Con toda esta información, esta semana realizaranse as dúas últimas sesións e ultimarase o documento definitivo do Plan Estratéxico. Para a última destas sesións, que se celebrará o vindeiro 9 de abril, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, invitou aos ex-conselleiros de Sanidade; deputados do Parlamento de Glicia; e a outros directivos e xestores sanitarios para aportar ideas e a súa experiencia para enriquecer este Plan.

A redacción do documento debe considerar na súa totalidade os elementos necesarios para mellorar a acción da Administración sanitaria e, en consecuencia, establecer compromisos que permitan xerar nela unha axeitada conciencia de servizo, así como unha actitude innovadora, dinámica e responsable.

O departamento que dirixe Pilar Farjas é consciente de que a modernización do sector público sanitario, debido á súa complexidade e ás múltiples dimensións que o compoñen, demanda unha acción coordinada e un criterio unitario para acadar un aumento da eficacia e da eficiencia de dito sector no seu conxunto.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia