Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia traballa coa UE para mellorar o sector lácteo galego

Galicia é unha das poucas rexións europeas que puxo en marcha unha rolda de contactos con tódolos axentes implicados para fixar unha postura respecto ao futuro do sector lácteo e a reforma da Política Agraria Común (PAC). Así se puxo de manifesto na conferencia sobre o porvir do sector leiteiro en Europa que tivo lugar en Bruxelas e á que asistiu, en representación de Galicia, o director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, José Álvarez Robledo.

Galicia está a traballar nunha postura unánime, común e única en relación coa futura reforma da PAC. Así o acordaron o propio presidente da Xunta e as organizacións profesionais agrarias nunha xuntanza mantida o pasado 27 de xaneiro e así se plasmou na última reunión do Consello Agrario Galego, na que se perfilou un documento-proposta coa posición da nosa Comunidade ao respecto, unha postura de referencia, tendo en conta a consideración de sector estratéxico que ten o lácteo en Galicia e o seu importante peso no conxunto de España. O documento base que se está a consensuar en Galicia coincide en boa parte co defendido polo comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural da UE, o rumano Dacian Ciolos, nesta conferencia de Bruxelas, no sentido de avogar por unha orientación sostible do mercado sectorial, aplicando ferramentas que permitan loitar contra a extrema volatilidade dos prezos, sen afectar á evolución natural dos mercados.

Regulación

O máximo responsable comunitario en materia agrícola propuxo neste foro diversas iniciativas para mellorar o funcionamento do sector leiteiro, medidas que teñen que ver coa regulación do mercado, as axudas directas para os produtores ou as relacións entre os diferentes actores da cadea de valor, que non se refiren necesariamente á obrigatoriedade de asinar contratos homologados, pero si de ditar unhas pautas mínimas de bo comportamento, no sentido de que, cando menos, ditos contratos inclúan un prezo, unha cantidade e uns prazos de recollida.

Esta posición respecto dos contratos homologados é a defendida dende o primeiro momento polo Goberno Galego, para buscar unha estabilidade no sector e un marco de relacións en pé de igualdade entre os diferentes axentes que interveñen na cadea de valor do leite (produtores, industria, distribución e consumidores).
Gabinete de Comunicación da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia