O Igape inxecta 1.500 millóns de euros no tecido produtivo galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/industria_acebron_operario.jpg)
Estes piares básicos de actuación da Consellería de Economía e Industria forman parte da engranaxe que o novo Goberno da Xunta puxo en marcha para facer realidade as expectativas que sitúan a Galicia como unha das poucas comunidades autónomas que pechará o ano cun crecemento positivo grazas ao apoio, entre outras cousas, ao apoio ao tecido produtivo e aos sectores estratéxicos.
A Consellería de Economía e Industria, da man do renovado Instituto Galego de Promoción Económica, foi quen de xerar unha inversión inducida de 1.500 millóns de euros neste primeiro ano de Goberno, case un 60% máis que o acadado en 2008. Un exemplo da eficacia da xestión fronte o anterior modelo atópase nos tempos de resposta para solucionar as demandas do tecido produtivo: unha petición de axuda que entraba no Igape en 2008 tardaba unha media dun ano en ter resposta, mentras que hoxe, e despois do cambio de Goberno o tempo de resposta rebaixouse nun 80%, pasando a 53 días.
En canto ao fomento do espírito emprendedor e o preciso financiamento do tecido produtivo, a Consellería de Economía e Industria xa traballa nunha ampliación e mellora do plan re-imaXina orientado a apoiar, mediante préstamos avalados e subsidiados, novos investimentos empresariais para os emprendedores, e ten en activo o plan de avais máis importante dos activados por ningún Goberno autónomico a través das liñas re-Brote e re-Solve para mobilizar 400 millóns de euros en créditos para as empresas.
O departamento que dirixe Javier Guerra ten incrementado en case un 60% o orzamento destinado á internacionalización do tecido produtivo, profesionalizando a xestión e individualizando a xestión da internacionalización, e ven de destinar unha partida orzamentaria de case 15 millóns de euros ao financiamento das bases de axudas para a internacionalización das empresas galegas, o que supón este ano un incremento do 127% sobre o exercicio pasado.
Xunto coa aposta pola internacionalización, Economía e Industria apunta ao camiño da innovación como o único posible para que as nosas empresas poidan competir con éxito no entorno actual. Para acadalo, recordou que por primeira vez en Galicia a Xunta adianta o 80% do importe das subvencións para innovación sen necesidade de garantías, o que supón un importante pulo para as empresas na actual situación de restrición crediticia, e puxo en marcha a rede Xiga de motivadores de I+D+i, a primeira das súas características en España, e coa que se vai a incrementar o peso da I+D+i no tecido produtivo e dinamizar o mercado de traballo.
Ademais, Economía e Industria ten en marcha un novo Plan Global para o sector da automoción valorado en 120 millóns de euros para os 40.000 empregados do sector. O re-Móvete Integral contempla un investimento de entre 35 e 40 millóns para PSA-Citroën de cara a desenvolver novos modelos en Galicia, apoios por valor de 60 millóns de euros ampliables para a industria auxiliar de cara á innovación, axudas á venda de vehículos para paliar a suba do IVE por parte do Goberno Central, e impulso á eficiencia enerxética financiando os vehículos híbridos e os vehículos eléctricos.
No tocante ao sector naval, unha actividade que xera 14.000 postos de traballo directos e indirectos en Galicia, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, concedeu ás industrias do sector préstamos incetivables que supoñen un incremento do 32% con respecto ao exercicio de 2008, ao mesmo tempo que se incrementaron nun 120% os avais concedidos, nun 76% as axudas e nun 60% o número solicitudes aprobadas en 2009 polo Igape neste eido. O programa de reactivación dos sectores estratéxicos de Galicia por parte da Xunta e da súa Consellería de Economía e Industria está sustentado en feitos e políticas concretas, por iso dende a Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas se ten elevado nun 28% o apoio ao cluster do naval.
Algo similar ocorre no sector téxtil, onde se teñen concedido un 137% máis de avais que en 2008, e destacan o crecemento do 86% das solicitudes aprobadas, do142% dos gastos e inversións empresariais aprobados, do 102% nas axudas concedidas, e do 251% dos préstamos mobilizados, que pasan de 8 millóns de euros en 2008 a 31 millóns de euros en 2009.
Neste contexto de apoio global por parte do Goberno da Xunta ao tecido produtivo de Galicia, cómpre salientar que o Produto Interior Bruto de Galicia mantense nuns índices moito mellores que a media do Estado e da propia Unión Europea.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia