Destínanse 90.000 euros para a realización de festivais culturais en Santiago

O Festival Compostela Máxica reúne aos mellores magos de Galicia, xunto con destacados representantes do panorama español e internacional, para converter a Compostela na capital mundial da maxia. Este evento vai dirixido a todos os públicos, desenvolverse en rúas e prazas da cidade, como fórmula de contacto directo coa poboación, e como medio de espallar a maxia no público de todas as clases sociais. Deste xeito, Compostela Máxica constitúe un acontecemento a nivel internacional único en Galicia, que ofrece unha vía irrenunciable para a promoción dos artistas formados na nosa comunidade.
O Festival Entredanzas constitúe un dos atractivos da cidade de Santiago, en canto a oferta cultural aberta, levada aos espazos que ocupan adoito os visitantes, dado que se celebra en rúas e prazas, ao aire libre. Significa un complemento moi interesante, que lle dá nova vida á oferta tradicional, e que tamén contribúe a difundir a imaxe dunha cidade impregnada de manifestacións culturais en todos os ámbitos e axeitadas para todos os gustos e intereses.
O Ciclo Sons da Diversidade é un programa de difusión de músicas de raíz que dende 2004 nas primaveras e outonos trouxo a Compostela a máis de 30 artistas de todo o mundo. Este festival, que se realiza no Auditorio de Galicia, é un ciclo aberto, plural e singular cunha programación variada na que conflúen culturas, xeografía xénero e estilos de todo tipo. Sons da Diversidade é un diálogo de tendencia na globalidade, unha fiestra aberta á creatividade e a distintas propostas co denominador común da calidade, que nos convida a viaxar a través dos sons de distintas identidades culturais e lingüísticas.
O festival Cineuropa representa unha das citas máis singulares e interesantes do panorama cinematográfico actual. Conta cunha selección extraordinaria de obras, realizada con criterios abertos que fornecen unha vía de expresión para unha cinematografía con personalidade e carácter, que busca a auténtica expresión, antes que o éxito comercial ou a aceptación por parte das grandes distribuidoras que controlan o mercado. Nos meses de outubro e novembro dende 1987 Cineuropa converteuse nun festival con alcance internacional, que mantén autores con pegada propia, no que é inviable a concordancia competitiva, tanto pola solvencia da organización, coma polos propios obxectivos de calidade perseguidos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia