Galicia e Castela León procuran unha macrorrexión co Norte de Portugal
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/castela_leon_presidencia.jpg)
Rueda e De Santiago repasaron os eixes de cooperación entre as dúas comunidades e analizaron cales serían as áreas nas que se podería centrar o órgano común co país luso. Esas liñas toman como base o acordo de colaboración subscrito o pasado mes de xaneiro entre os presidentes galego e castelán- leonés, Alberto Núñez Feijóo e Juan Vicente Herrera.
A posta en marcha dunha macrorrexión pode facilitar os procedementos para acceder aos recursos económicos necesarios para desenvolver proxectos e, de feito, a Unión Europea ve con bos ollos este tipo de alianzas plurirrexionais con características comúns, especialmente se comparten fronteira. Así, un dos obxectivos da posta en marcha desta innovadora fórmula é acadar financiamento europeo para os proxectos transfronteirizos.
Segundo destacou Rueda, un dos fins do acordo é coordinar e potenciar os esforzos das institucións implicadas para negociar a atribución de fondos europeos cara a fronteira das dúas Comunidades Autónomas con Portugal nos futuros marcos financeiros comunitarios. Nese sentido, o conselleiro recordou que a Xunta xa avanzou a súa aposta pola cooperación transfronteiriza como mecanismo para captar fondos, e así llo trasladou a pasada semana aos responsables da Comisión Europea e da Eurocámara cos que mantivo encontros en Bruxelas.
Nese marco de cooperación conxunta con Portugal, Rueda e De Santiago avanzaron, entre outras materias, no deseño dun proxecto de colaboración co país veciño no eido das emerxencias. A iniciativa consiste na execución dun programa transfronteirizo de impulso dos recursos materiais e humanos a disposición dos servizos de emerxencia das zonas implicadas, para levar a cabo unha actuación conxunta e coordinada dos servizos de intervención e resposta ante as emerxencias.
Outro dos obxectivos do convenio pasa por compartir experiencias e proxectos de promoción entre Castela e León e Galicia en Portugal, así como desenvolver actividades de dinamización socioeconómica e cultural nas poboacións fronteirizas.
Sectores clave
En canto ás materias susceptibles de desenvolver no marco desta colaboración, ademais da cuestión das emerxencias teñen gran importancia as de tipo económico e, concretamente no ámbito industrial, os conselleiros de Presidencia de Galicia e Castela e León destacaron a importancia do intercambio de experiencias entre ambas rexións e o Norte de Portugal en materia de automoción, un sector clave nas súas respectivas economías.
Outro dos ámbitos no que ambas partes se amosaron interesadas en unir esforzos é o educativo, especialmente no relativo ás universidades e na liña de incrementar a participación en proxectos conxuntos de cooperación transfronteiriza na Formación Profesional. Así mesmo, incidiuse na necesidade de fomentar o intercambio de experiencias e a realización de programas conxuntos no terreo da investigación científica e tecnolóxica.
Finalmente, tamén estiveron na axenda da reunión cuestións relativas a igualdade e xuventude, ao ámbito laboral -onde xa se realizan entre as tres rexións traballos conxuntos no marco de proxectos europeos-, ao medio ambiente –xa que a fronteira entre Galicia, Castela e León e Portugal conta cun rico patrimonio natural- e no da cultura e o turismo –co Xacobeo e o Camiño de Santiago como eixo central-.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia